Son noxento, de María Xosé Queizán

María Xosé Queizán, na súa última novela, aperta as caravillas a asuntos tabús ou case ignorados na narrativa galega, procurando unha resposta activa a quen se achegue a estas páxinas.

 

Van aló, case nada, cincuenta anos desde a publicación d´A orella no buraco: unha novela coa que María Xosé Queizán exploraba novos camiños literarios formando parte daquilo que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. A efeméride, ao meu ver importante, pasa lamentablemente ignorada cando non debía de ser así, pero isto talvez sexa fariña doutra muiñada.

         Son noxento, inescusablemente, evoca á Queizán do devandito libro, mais tamén á que transita, desde aquela e de xeito ininterrompido ata hoxe, con paso firme polas nosas letras, sexa no xénero que for. Nela, como unha aldrabada que golpea unha porta, subxace un evidente afán de denuncia ao internarse en temáticas salagres como son o incesto, o exercicio da violencia contra as mulleres, o consentimento ou a pederastia, algo que non é algo novo no percorrido da autora, mais talvez si presentalo a través do discurso dun protagonista abominable, abxecto e a todas luces desprezable. Este personaxe descríbese a si mesmo a través do recurso do monólogo interior e fai que sexa o  rexistro expresivo que exhíbe aquilo que o define: algo que en moitos momentos o ridiculiza e que, mesmo, move á hilaridade. Malia todo, pesa de xeito determinante o testemuño dunha vida carente duns mínimos presupostos éticos ou morais ao revelarse como un verdadeiro depredador sexual, satisfeito do seu rol e que xamais beirea as estremas do arrepentimento. Todo iso resulta operativo, ao mesmo tempo, para vehiculizar con transparencia e dureza unha das grandes lacras que saltan aos medios de comunicación acotío. Esta novela, non teño dúbida, convida á reflexión, incomoda e violenta a quen a le: por veces algo ben preciso.

Baixo o título de “Narrativa afouta” publícouse o 22 de maio de 2015 esta recensión de Son noxento, de María Xosé Queizán, no suplemento Fugas. Pódese tamén consultar na súa integridade premendo aquí.