Na presentación de Muros de aire, de An Alfaya, no Café Badía

Foi un pracer participar onte, no Café Badía do barrio vigués de Teis, na presentación da última novela de An Alfaya titulada Muros de aire, na compañía de autora, de Manuel Bragado e case dun cento de persoas, entre elas moitas amigos e amigos e que rematou cunha breve lectura teatralizada.

     No que di respecto do libro da escritora viguesa, publicado por Edicións Xerais, pronunciareime en breve nunha recensión crítica polo que simplemente quero deixar aquí constancia de que se trata, ao meu ver, dunha proposta suxestiva e intensa, que se interna en asuntos como son a dor e o suicidio, entre outros, ben pouco transitados como motivo literario entre nós.

    Dei comezo á miña intervención cun fragmento que Nuccio Ordine rescata, no seu libro A utilidade do inútil, dunha carta que o cardeal Besarión lle fai chegar ao dux Cristoforo Moro, escrita en 1468 e que fala da relevancia dos libros e da memoria. Dediqueillas á autora e mais ao espazo do Café Badía nesta estrea, exitosa, do que será un longa xeira de presentacións literarias. Velaquí van, entre outras razóns, porque Paz Raña mo solicitou.

Os libros están cheos de palabras dos sabios, de  exemplos dos antigos, de costumes, de leis, de relixión. Viven, discorren, falan connosco, ensínannos,  edúcannos, consólannos, recórdannos cousas  remotísimas da nosa memoria póndonolas ante os ollos. Tan grande é a súa dignidade, a súa maxestade e, en fin, a súa santidade que se non houbese libros, nós   seriamos todos brutos e   ignorantes, sen recordo ningún do pasado, sen exemplo ningún; non teriamos coñecemento ningún das cousas humanas e divinas; a mesma  urna que acolle os cadáveres borraría tamén a memoria dos homes.