“José Suárez, uns ollos vivos que pensan” (exposición e catálogo)

Confeso aquí a miña devoción polo traballo fotográfico de José Súarez, de quen se pode visitar unha completa e magnífica exposición na Cidade da Cultura comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luís Súarez Canal, cun deseño da montaxe a cargo do arquitecto Alfonso Penelas.

     A fotografía do neno sostendo o “Javiota”, os retratos da serie “Mariñeiros” ou aquela serie na que fotografou a Unamuno adoitan ser algúns dos retratos que repousan no imaxinario das máis das persoas que coñezan o traballo de José Suárez. Mais esta exposición, e o magnífico catálogo deseñado por Númax que a acompaña e que incorpora artigos dos comisarios da mesma, de Juan Manuel Bonet e Alberto Martín, alén dos institucionais, ensínanos a comprender a figura deste fotógrafo ourensán visualizando unha apreciable escolma do seu traballo con artigos dos comisarios da exposición a carón doutro material -audiovisual, documental e de diversa orde- que axuda a comprender a súa traxectoria vital e artística, onde particularmente descubrín moitos perfís de Suárez que descoñecía.

     Nun catálogo realizado para unha exposición da serie “Mariñeiros”, celebrada hai algúns anos, deixou dito o propio Suárez que aqueles retratos “falarán coas súas perennes voces”. Esta é, xunto coa captación do proceso, unha das lecturas que ben se pode realizar quer visitando a exposición -na que recomendo igulamente as sorprendentes e fantásticas diapositivas estereoscópicas-  quer revisando as fotografías no catálogo onde se advirte ás claras esa pasmosa modernidade Suárez que exhibía xa desde os anos trinta do século XX. Un home fendido pola vivencia da guerra civil e o posterior exilio que sufriu, que sen dúbida mal superou emocional, cultural, profesional e vitalmente. A carta que levaba canda si nos seus últimos anos de vida, e que reproduzo abaixo, sen dúbida, así o testemuña. Os meus parabéns por esta iniciativa.