Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cinepoemas, de Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer

Cinepoemas (edición gráfica de Cristina Fiaño)

Ouvirmos, Sarria, 130 páxinas, 10 €

 

Editado por vez primeira en 1983 por Xerais, «Cinepoemas» de Claudio Rodríguez Fer foi un dos grandes libros da poesía galega dos anos oitenta. Volve arestora, cunha espléndida edición gráfica de Cristina Fiaño, testemuñando o valor atemporal dunha proposta aumentada, senlleira e chea de novos matices.

Hai libros que, polas circunstancias que fosen, se acobillan no fondo da memoria e, cando se volven reler porque se actualizan ou por outras razóns, son quen de traer canda si ese recendo de admiración que espertara no seu día e, se cadra, aínda adquiren outras irisacións. Esta é, particularmente, a miña experiencia coa lectura desta nova, e coidadísima, edición de Cinepoemas que encerra unhas montaxes fotográficas fantásticas. O espírito do libro, así pois, segue a ser o mesmo que o de hai máis de tres décadas, isto é, unha iniciativa artística destinada a fundir linguaxes como son a poética e a cinematográfica, incorporando asemade tanto versos cinepoéticos doutros libros de Claudio Rodríguez Fer como algúns cinegramas que o autor foi espallando nestes últimos anos en diversas publicacións.

       Cinepoemas non é, como se sinala no limiar, unha escolma de poemas de asunto cinematográfico. Antes ben, as composicións agroman desde un exercicio de memoria e revelan unha moi interesante e heteroxénea arquitectura interior en virtude da película en que estean inspirados; isto é, os esquemas compositivos son sempre dúctiles e cambiantes segundo o filme que se trate. Os poemas non resultan, tampouco, unha gabanza gratuíta das devanditas películas, pois mesmo algúns deles se abeiran a unha tonalidade crítica no que atinxe á súa filosofía, primando sempre o que entendo como eses elementos que alimentan a obra xeral do autor, sexa no xénero que for, e que camiña por unha estética que abraza, coa palabra, os valores da liberdade do ser humano e do amor, sen esquecer ao tempo formular unha reivindicación que combata a intolerancia, a violencia, o descoñecemento da historia ou o desvalimento social que sofren as persoas favorecidas e que o cine, como non, tamén espellou ao longo da súa historia.

      Considera o autor este volume como «restaurador da miña vida e da miña obra de cine». Abofé que así é, mais probablemente tamén sexa operativo para actualizar e restaurar referencias poéticas e cinematográficas a través dun libro en feliz e continua construción.

 

Esta recensión publiocuse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 29 de abril de 2016, baixo o título de “Fusión de linguaxes”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: