O soño das cores, Ramón Caride e Jaime Asensi

Ramón Caride (ilustracións de Jaime Asensi)

O soño das cores

Urco, Compostela, 44 páxinas, 10 €

 

Marabillosa, ao meu parecer, resulta esta entrega que subscriben Ramón Caride no texto e Jaime Asensi nas ilustracións. O soño das cores é unha proposta abeirada ao formato de álbum ilustrado para primeiros lectores, e non só, e resulta operativa textualmente para afondar nos ámbitos das lendas de tradición oral, concretamente nunha de orixe zapoteca-mixteca que explica a orixe das cores e, simbolicamente, como estas serven para afastar das nosas vidas aquilo que percibimos como o máis tenebroso e escuro.

       O traballo de Caride resulta espléndido no que atinxe á adaptación e tradución desa lenda á lingua galega que apela con tenrura e convicción ao universo mítico para explicarnos o cotián, naquel tempo que se enraíza na época en que os animais falaban. Por outra parte sospeito que este é un libro agradecido para calquera ilustrador pois nel o xogo cromático cobra unha importancia esencial mais a interpretación pictórica de Asensi exhibe con brillantez esa capacidade extraordinaria que sempre atesoura para sorprender e cativar. Parabéns por este libro tan suxestivo que transmite a forza que atesouraban as palabras do principio dos tempos, as luces e as sombras dun mundo no que se aínda se lles daba un nome ás cousas, aos seres e aos sentimentos por vez primeira.