Cuestionario Proust: Daniel Asorey

Daniel Asorey

1.– Principal trazo do seu  carácter?

– Son idealista, ao cabo, medrei nunha matria que se botou ao mar para soñar.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– O compromiso coas abaixadas e cos abaixados.

3.– Que agarda das súas amizades?

– A estas alturas da vida, agarimo, comprensión e complicidade.

4.– A súa principal eiva?

– A desorde e a falta de organización.

5.– A súa ocupación favorita?

– Encántame viaxar, aprender das olladas doutros que, coma nós, comparten esta casa común.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-Un mundo xusto e  digno para todos os seres humanos.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-A dor, a enfermidade e a morte son inmensas desgrazas. Vaia, dixen tres polo prezo de unha.

8.– Que lle gustaría ser?

– Encantaríame ser habitante dun mundo xusto.

9.– En que país desexaría vivir?

– En Galiza, amo esta terra e por iso manca tantas veces no corazón.

10.– A súa cor favorita?

– O vermello, sen dúbida.

11.– A flor que máis lle gusta?

– A chorima, a flor do toxo. Unha flor humilde, miúda, salvaxe e brava, que é quen de medrar na vertixe e inzalo todo, mesmo os cumes máis altos e difíciles, eses que se protexen con laxes cortantes. Ata aló enriba chega. Precisamos máis chorimas para esta terra.

12.– O paxaro que prefire?

– O pardal. Por algo semellante ao anterior, pois é un paxaro proletario, de traxe común e chíos humildes. Nunca esquecerei o día que, sendo eu neno, lle dixen á miña avoa, Carme de Candingas, que habiamos pillar un e metelo nunha gaiola. Ela contestoume que o pardal precisa ser libre para vivir, pois, se se prende, degoira morrer. Dende aquela, tiven envexa dese paxaro sen cadeas.

13.– A súa devoción na prosa?

– Moitas e moitos. Iso é como escoller a irmá ou o irmán preferido… Mais gustaría de citar unha muller, Rachel de Queiroz, que denunciou a fame e a desigualdade do Nordeste Brasileiro no seu esmagador romance O quinze.

14.– E na poesía?

– Rosalía, polo escrito e pola valentía de facelo.

15.- Un libro?

– O Memorial do convento.

16.– Un heroe de ficción?

– Hai anos que o lin, pero moitas veces lembro do menino que aparece no fabuloso conto “O colchão da Mongólia”, do incrible escritor angolano Ondjaki. Un heroe, ese miúdo.

17.– Unha heroína?

– Non sei se se pode considerar ficción, mais penso na voz das mulleres anónimas do cancioneiro popular galego. Valentes, afoutas e libres. De non ser así, a voz radical e insubmisa da meniña gaiteira de Cantares Gallegos.

18.– A súa música favorita?

-Neste momento “A mulher do fim do mundo” de Elza Soares.

19.– Na pintura?

-Marc Chagall, un xenio que non deixou de soñar nunca coa súa patria, co amor e coa súa estirpe maltratada, e alén diso foi quen de pintar a música. Alguén dá máis?

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

-As e os migrantes de calquera lugar e condición, que sempre arriscan as súas vidas por soñar mundos mellores.

21.– O seu nome favorito?

-Aldara. En Melide, na terra de miña nai, “ser unha dona Aldara” empregábase, ben certo que pexorativamente, para designar unha muller espelida e libre. Ao parecer, fai referencia a unha muller nobre que viviu alá polo século XIV, e agardo que fose todo iso. Así pois, hoxe “ser unha dona Aldara” debía ser un orgullo e un soño para todas e para todos.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– A soberbia.

23.– O que máis odia?

– A desigualdade e a dor nas persoas.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Os conquistadores de calquera lugar, con rúas, prazas e estatuas no seu nome, en tanto que mortes, feridas e violacións nas súas costas.

25.– Un feito militar que admire?

– O 25 de abril, revolta sen (apenas) sangue para traer pan e liberdade.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– A constancia.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

– Sen dor.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Pesimista. Aínda que a realidade adoita superarme para o malo.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Aqueles que teñan que ver co amor e coa paixón.

30.– Un lema na súa vida?

– Mudar o mundo!