Na entrega do I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Non defraudou, como nunca o fai, un acto literario celebrado en Fornelos de Montes en honra a Lueiro Rey. Nesta ocasión o motivo foi  a entrega do I Premio de Xornalismo que leva o seu nome. Quixera salientar a intervención inicial de Carmen Carreiro, coordinadora do galardón, que deu lectura a un emocionante artigo de Fernando Pereira, quen foi alcalde de Soutomaior e co-propietario da libraría Castelao nos Choróns vigueses. Pereira publicara aquel texto un ano despois do falecemento de Lueiro Rey e  xa reclamaba daquela a necesaria atención que o autor nado en Fornelos precisaba. Sumáronse logo as intervencións do autor galardoado, Xoán Carlos Domínguez Alberte: un discurso moi atinado no que expresou a súa gratitude e estableceu un elo con Lueiro no que se refire á necesidade de intervir na sociedade desde as posturas progresistas para reinvidicar valores como a xustiza e a liberdade, hoxe tan minguados. Nunha liña semellante cadraron as intervencións de Carmela Silva, Xosé Leal e Emiliano Lage.

Non esquezo as pezas musicais dun grupo que nos marabillou como é a banda de jazz Comando Foucellas nin tampouco as fermosas placas de Paula Pereira (Cavalinho do demo) con que se nos agasallou á conclusión do acto.

Foi un pracer, coma sempre, participar neste acto dando lectura, nesta ocasión, á acta do xurado, labor que compartín con Ramón Rozas e Carme Vidal.  Deixo aquí a miña breve intervención e, coma sempre, seguimos, aínda máis optimistas, na Causa Lueiro.

 

Estar aquí hoxe é un motivo de moita satisfacción para min e para outras moitas persoas. Por un lado, confirma un desexo perseguido desde hai tempo como era o de unir o nome de Lueiro ao xornalismo galego e, deste xeito, completar a  existencia de tres convocatorias que ano a ano poñen en valor todo o que simboliza o seu legado literario como son o asentado premio poético que organiza este concello, o de narrativa que sostén o concello do Grove e agora este xornalístico, que conta coa colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra, entidades ás que as persoas que conformamos esta causa Lueiro estamos en débeda xa non só polo apoio que brinda a este concurso senón pola política de portas abertas para todo que supuxese divulgar a memoria de Lueiro.

E teño para min que este galardón que agora comeza a andar era moi preciso pois ilumina unha parcela da actividade creativa, o xornalismo tamén é creación, e de opinión que Lueiro abrazou toda a súa vida e que, quizais, quedase un tanto escurecida diante do seu longo e amplo currículo poético e narrativo. Lueiro foi unha voz que entendeu o columnismo como unha necesidade comunicativa esencial,  destinada a intervir e a ollar a realidade desde outro prisma onde o peso da interpretación do que ocorría no seu tempo adquirise un valor central. Desde os primeiros textos publicados en El País pontevedrés, no ano 1935, dirixido polo paseado Roberto Blanco Torres, até o seu derradeiro artigo publicado dous días despois do seu falecemento no ano 1990 nas páxinas do Faro de Vigo, o universo do xornalismo supuxo para min algo esencial para entender a súa propia vida e mesmo a súa obra. Foron, neste sentido, moi abondosas as cabeceiras nas que el colaborou mais naquelas nas que podía escribir libremente e sen ataduras é onde amosa, e brilla, ese estro comprometido e de inequívoca raizame social.

E, por outro lado, supón unha enorme alegría traer á Causa Lueiro a Xoán Carlos Domínguez Alberte. Sei que Xoán Carlos nunca foi alleo a esta causa e, como se sinalou na acta do xurado, a todos nos pareceu que o autor ou autora do artigo titulado “O segredo mellor gardado” coñecía polo miúdo os asuntos polos que Lueiro transitara como xornalista –recollidos felizmente en Crónicas de una transición intransigente e nas Novas crónicas dunha transición intransixente– mesmo tamén ese estilo rotundo, aceirado, vigoroso que tan ben se ve reflectido nun texto, o que hoxe galardoamos, que harmoniza unha historia cosida cos fíos da vida, cos fíos da memoria cunha expresión brillante e intensa. Imposible non sentirse intensamente emocionado tras a lectura desta proposta. Eu sei ben que o premio que hoxe publicamente entregamos abre as portas desta causa a un activo e admirado escritor que une o seu nome ao de Lueiro. Iso é sempre un orgullo. Grazas.

O pase de diapositivas require JavaScript.