O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro

Marcos Calveiro

O xardineiro dos ingleses

Galaxia, Vigo, 444 páxinas, 22,90 €, 2017

 

Sinalaba nalgures Marcos Calveiro que esta ía ser a derradeira das novelas que conservaba das que, ata o de agora, foi construíndo noutra etapa vital e profesional. Resulta unha mágoa que así sexa mais estou certo que esta xeira que conclúe, na que colaborou destacadamente como narrador con resultados espléndidos para a novelística actual, será tan só esa que precede outra etapa creativa que ha de vir. Ao meu ver, O xardineiro dos ingleses, galardoada co Premio García Barros do ano pasado, é unha das mostras, como tantas que se poderían aducir, que desdín eses cantos de cisne que agroman de cando en vez para alertar, ás persoas que non saben, da suposta descomposición ou estado terminal do xénero entre nós.

O libro de Calveiro paréceme, en esencia, unha proposta marcada tecnicamente por unha salientable habilidade construtiva, escrita con indubidable brillantez e que posibilita achegarse a historia de Vilagarcía de Arousa nun período que vai desde finais do século XIX ata 1936, proxectándose no presente. Para este fin articúlase unha estrutura bimembre que encerra, no fondo, dúas novelas:  a que comeza a principios do século XX e que nos deixa a comezos do XXI, focalizada en Edelmiro, o coidador do cemiterio, e outra que nos leva da man dun investigador chamado Modesto Filgueira que, dalgún xeito, reflexiona  sobre o proceso da creación literaria e outras conxunturas persoais que rodean á anterior.

Dun ou doutro xeito posibilítase o xurdimento dun elenco de personaxes diversos e perfectamente individualizados que carrexan canda si un monllo de voces narrativas distintas, tecidas con habilidade desde un escenario central que vén ser o do camposanto inglés de Rubiáns, onde se deposita -a través dunha tumba aberta- o misterio a desentrañar e arredor do cal van espallándose numerosas microhistorias operativas para construír un fresco con trazos de novela histórica ou memorialística, mais tamén amosando elementos que completan a súa filiación ao xénero de intriga e, dalgún xeito, de aventuras. Estas microhistorias, que avanzan complementariamente, contempladas na súa variedade –as armadas inglesas e alemá na ría de Arousa ou a presenza de espías dun e doutro bando, os ecos do paso de Lorca, do pintor Sorolla, de Plácido Castro ou de Castelao por Vilagarcía, as pequenas historias de amizade cheas de tenrura, a memoria dos inmolados ou o retrato brillante das diversas clases sociais por só citar algunhas- van construíndo unha verdadeira reivindicación de motivos entre os se poderían citar a superación persoal e colectiva e o sentido moral do deber que apuntan, sempre, á necesidade que ten o ser humano de vivir en liberdade, talvez un dos eixes máis relevantes desta novela.