Cuestionario Proust: Andrea Barreira Freije

Andrea Barreira Freije

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

– A paciencia e a tenacidade (ou que son moi cacholana, segundo se mire).

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-O respecto, o apoio, a sinceridade.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Que estean, nas boas e nas malas.

4.– A súa principal eiva?

-Doulle demasiadas voltas a todo e son moi esixente e dura comigo mesma. Ademais estou aprendendo a dicir non.

5.–  A súa ocupación favorita?

-Montar historias na miña cabeza, eses momentos nos que me evado tanto que non estou nesta realidade, senón vivindo outras vidas, conversando con seres que están na miña mente.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-Compartir momentos coa xente que quero: xogando ás cartas, almorzando, tomando o café ou o vermú, indo de excursión, ao cine, paseando…

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Sei que é algo natural, pero ver morrer á xente a que quero.

8.– Que lle gustaría ser?

-Máis valente e decidida.

9.– En que país desexaría vivir?

-Cada ano teño máis claro que en Galiza, onde xa vivo.

10.– A súa cor favorita?

-Verde, vermello e negro (non por esa orde).

11.– A flor que máis lle gusta?

-O lirio.

12.– O paxaro que prefire?

-Merlo, xílgaro, cegoña, anduriña…, en realidade teño debilidade polas aves en xeral.

13.– A súa devoción na prosa?

-Non teño autoras preferidas salto dun subxénero a outro cada certo tempo, pero se tivese que mencionar algunhas diría que Jane Austen, Margaret Atwood, Ágatha Christie, Roald Dhal, Michael Ende, Cris Pavón…

14.– E na poesía?

-Recoñezo que me estou reconciliando con este xénero da man de Andrea Nunes Brión,  María Reimóndez, Emma Pedreira, Lara Dopazo, Eli Ríos, Lorena Conde, Xela Arias, Arancha Nogueira, Rosalía Fernádez Rial…, pero aínda son unha lectora recente.

15-. Un libro?

Momo de Michel Ende.

16.– Un heroe de ficción?

-Robin Hood.

17.– Unha heroína?

-Emilia Goianes, Calpurnia Tate, Mary Read…

18.– A súa música favorita?

-Igual que na lectura, son bastante cíclica e obsesiva. Nestes momentos estou con Florence & The Machine e coa cantautora galega M. J. Hai un par de meses escoitaba A banda da Loba e unha lista de mulleres do jazz (Nina Simone, Diana Krall, Billie Holliday, Ella Fitzgerald…).

19.– Na pintura?

-Na pintura véñome á actualidade. Gústame o traballo de Lula Goce, Xoana Almar, Paula Bonet, Mery Mountain, Esther Gili…. todas moi relacionadas coa ilustración.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

-Os meus pais, e en xeral calquera persoa anónima que intenta cambiar as cousas, que loita, que reflexiona, que está disposta a aprender e a mellorar o seu entorno.

21.– O seu nome favorito?

-Non teño un nome favorito, por épocas gústanme uns ou outros.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-A impuntualidade, que a xente tire lixo ao chan.

23.– O que máis odia?

-As imposicións, a condescendencia, as miradas por riba do ombro… é dicir, as persoas que se cren superiores.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-En xeral todas aquelas que se dedicaron/dedican a destruír, a desprezar todo o que non é coma elas, que consideran que teñen o dereito a decidir polas demais…

25.– Un feito militar que admire?

-Ningún.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Hai tres cousas (por desexar…): a música (ser quen de compoñer, ter ouvido, ritmo), a axilidade, flexibilidade e ritmo das patinadoras ou bailarinas ou esa capacidade de abstracción que teñen físicas e matemáticas…

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

-Ir durmir e xa quedar no soño.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-A tranquilidade externa con certo nerviosismo interno.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Cando se mete a zoca con comentarios, preguntas…, e logo se intentan amañar e é peor…, sempre que non estean feitos con maldade.

30.– Un lema na súa vida?

-Día a día, pouco a pouco, deténdose só para coller folgos e para gozar dun momento. Hoxe estamos aquí e mañá quen sabe.