Delirios de pracer, de Ursula Heinze de Lorenzo

Ursula Heinze de Lorenzo

Delirios de pracer

Aira, 120 páxinas, 15 €, 2018

 

Sospeito que se formulou como inevitable un título como Delirios de pracer para unha novela que asenta os seus alicerces na vivencia da sexualidade nas persoas maiores e que percorre, e non tanxencialmente, outras temáticas como a da prostitución masculina, a soidade ou os estereotipos vinculados coa beleza e o corpo.

Dun ou doutro xeito a escritora Ursula Heinze volve transitar por camiños escasamente tripados na nosa tradición narrativa como xa fixo en propostas anteriores e recentes. E faino, coma sempre, cun estilo conciso e directo, moi próximo talvez á novela psicolóxica, con escasas descricións dos espazos e abondosas para referir os encontros sexuais dos protagonistas que, ademais, se van definindo polo que pensan e polo que fan cos seus propios corpos. Neste sentido hai dúas personaxes centrais na novela: a primeira é Sara, unha muller xa xubilada que, diante do desinterese ou falta de apetito sexual do seu marido militar por razóns psicóloxicas, decide procurar unha relación sexual que combata, ao mesmo tempo, a súa soidade. Aí aparece a figura dun fisioterapeuta arxentino chamado Christian, que ofrece tamén masaxes eróticas, e con quen a relación puramente profesional vai derivando, ou se cadra parece que deriva, noutro tipo de vinculación de carácter máis emocional.

Heinze de Lorenzo volve enfrontarse, no que é un trazo singular da súa obra literaria, diante de asuntos considerados tabús en boa medida para tratalos literariamente coa solvencia que exhibe unha narradora contrastada e de inequívoca solidez. Sexa benvida esta nova achega.