Xela Arias en cinco libros

Nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia de hoxe, na versión en papel e encabezando o titular da noticia que dá conta do nomeamento de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021, incluín unha breve escolma de cinco libros da súa autoría, acompañados dun breve comentario e que deixo aquí.

Tigres coma cabalos (Xerais, 1990)

É probable que o mundo literario dos anos noventa non estivese preparado para un libro coma este onde a autora e o fotógrafo Xulio Gil ofrecían un proxecto artístico innovador: un espello de imaxes e palabras onde o corpo e o social xeraron unha lectura distinta como materia poética.

Darío a diario (Xerais, 1996)

Un dos primeiros libros de poesía que reflexionaba, entre nós, arredor da experiencia da maternidade e da nova cotidianeidade que esta carrexaba. Construída desde unha óptica radical e desposuída de idealizacións convertíase nunha orixinal aposta pola liberdade do ser humano.

Intempériome (Espiral Maior, 2003)

O seu último e máis depurado libro de poesía. Con el abriuse a novas posibilidades esgazando a palabra e a sintaxe e explorando novos horizontes comunicativos: unha nova dinamiteira da fala e da poesía que escribiu: ”serse intempestiva. / E domea-la furia á procura / da froita / madura”.

Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018)

Da man de Mª Xesús Nogueira velaquí unha achega que revela a totalidade das liñas de sentido dunha voz radical e consciente de que o seu era percorrer un camiño desde a individualidade para abrazar coa palabra principios como a heterodoxia creadora, a lingua galega e o feminismo.

Dublineses (Xerais, 1990)

Con Débora Ramonde e Rafael Ferradás asinou esta tradución que foi a primeira dunha obra íntegra do escritor irlandés á nosa lingua. O seu perfil como tradutora, ámbito que contribuíu a normalizar e no que obtivo diversos galardóns, é substancial na súa biografía intelectual.