O xenio da Cidade do Sal, de Fina Casalderrey

Fina Casalderrey

O xenio da Cidade do Sal (ilustracións de Xosé Cobas + cedé “Mozart á galega“)

Xerais, Vigo, 176 páxinas, 13,15 €, 2021

Lin esta pasada semana o último, e brillante como adoita, traballo de Fina Casalderrey: O xenio da Cidade do Sal, presentado na colección “Sopa de Libros” de Edicións Xerais, é un volume que, ademais, contempla unha interacción ou transversalidade suxestiva entre diversas manifestacións artísticas como son a música, a ilustración e o discurso narrativo.

Respecto da música nada máis acaído que ese cedé que acompaña o libro baixo o título Mozart á galega que incorpora a unha excelente e meritoria interpretación da Integral dos Cuartetos para frauta e trío de cordas de W. A. Mozart ,ademais de temas tradicionais galegos interpretados por Luís Soto -coordinador da gravación e frauta travesa-, David García ao violín, Iona Ciobaturu á viola e Milla Abelledo ao violoncello que realizaron a gravación do cedé na igrexa de San Pedro Fiz do Hospital (O Incio).

Mención especial merece, abofé, o traballo plástico que acompaña este libro e que vén da man dun dos nosos grandes artistas como é Xosé Cobas e que achega un monllo de fantásticas ilustracións, con ese estilo propio do autor que, particularmente, sempre me pareceu fascinante.

Fina Casalderrey, pola súa parte, constrúe un texto -extraordinariamente documentado e co valor engadido de que non se advirte o posible lastre que isto podería derivar nunha peza destas características- no cal a figura de Mozart abala entre o retrato verosímil dun xenio da música que ten doce anos e a realización dunha fantástica viaxe que realiza polo Camiño de Santiago. A mestría da autora fai que nos enguedellemos axiña coa súa personalidade, coas súas filias e fobias, coas consecuencias que a síndrome de Tourette carrexaba no seu día a día, coas experiencias traumáticas que viviu na súa infancia e, abofé, co relato das súas propias experiencias vitais onde a familia cobra un papel clave nas presións que exerceu decote para explotar as cualidades extraordinarias que posuía. Non é menor o atractivo que o deseño autorial realiza sobre a irmá de Mozart, relegada a un segundo plano na sociedade fortemente patriarcal do seu tempo e que, asemade, desempeñaba un papel clave no universo do seu irmán, A todo isto cómpre engadir ese magnífico achado imaxinativo que é un cabalo branco que se lle aparece ao pé da súa casa para iniciar unha viaxe no tempo e no espazo na que, coma en todas as viaxes posibles, gozará das xentes que poboan espazos descoñecidos para Amadeus, entre os que cumpre un papel esencial no desenvolvemento argumental aquel que nos toca máis de cerca.

Recomendo sinceramente esta peza que ensambla música, literatura -dalgún xeito tamén biografía e historia- e ilustración nun círculo perfecto.