Escolma esencial de e sobre Delgado Gurriarán

Velaquí algunhas biografías, estudos e análises divulgativas, alén das necesarias edicións actualizadas, que recuperan e poñen en valor a achega do homenaxeado o Día das Letras, Florencio Delgado Gurriarán, á nosa historia literaria

1. «ANTOLOXÍA»

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

EDITORIAL GALAXIA

PÁXINAS 164 PREZO 16

Prologada por Víctor F. Freixanes , esta escolma achega unha mostra equilibrada e plural da poesía de Delgado Gurriarán. Co bo tino, Débora Álvarez Moldes e mais Margarida Pizcueta Barreiro, persoas comprometidas co proxecto “As Letras” que impulsaron a candidatura do poeta para protagonizar este Día das Letras, beberon tanto nos seus catro libros publicados –BebedeiraGalicia infindaO soño do Guieiro e Cantarenas– como noutros textos dispersos para nos ofrecer un espello representativo do poeta valdeorrés.

2. «FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. POLOS VIEIROS DA SAUDADE»

HÉCTOR CAJARAVILLE

EDITORIAL XERAIS

PÁXINAS 96 PREZO 12,50

O escritor Héctor Cajaraville abordou, nos últimos tempos, biografías divulgativas de voces homenaxeadas co Día das Letras como Antonio Fraguas e Carvalho Calero nas que incorporaba achegas inusuais: velaí un suposto diario persoal no primeiro e unhas pezas teatrais no segundo. Percorre agora a figura de Delgado Gurriarán entretecendo, sen esquecer a precisa información biográfica e literaria sobre o autor de Córgomo, un xogo creativo como son poemas propios inspirados no estro poético do biografado.

 3. «FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. POETA NA TERRA, NA GUERRA E NO EXILIO. ANTOLOXÍA POÉTICA»

XESÚS ALONSO MONTERO

EDITORIAL GALAXIA

PÁXINAS 308 PREZO 19,90

Unha monografía suxestiva, completa e accesible para calquera persoa que saiba algo, ou non, de Delgado Gurriarán. Nas súas páxinas xúntanse unha biografía intelectual, un conxunto diverso de ensaios que orbitan sobre a súa obra literaria e, ademais, complétase cunha aquilatada e útil antoloxía poética. Cun inequívoco espírito didáctico e dominada por un afán totalizador cúmprese con fartura o obxectivo de divulgar o máis salientable da biografía e da bibliografía do noso autor e, por extensión, ofrécese unha valiosa crónica literaria, sociolóxica, sociolingüística, política e cultural do século XX.

4. «OBRA POÉTICA»

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

EDITORIAL XERAIS

PÁXINAS 448 PREZO 19,95

Era precisa a edición da obra poética completa e esta dispúxoa e anotouna con solvencia e exemplaridade Xosé R. Pena. Nestas páxinas, ademais dunha revisión biográfica, ofrécense as liñas de sentido que dominan a súa poesía desde a denominada vangarda enxebre e forma inmóbil ata os trazos novecentistas, paisaxísticos e costumistas que exhibe, a carón do cultivo dunha estética que o sitúa preto dos poetas dionisíacos e eróticos. Ademais, reclama unha xusta atención aos poemas de reivindicación social para concluír cun apartado crítico que afonda no rexistro lingüístico que Delgado Gurriarán empregou.

 5. «FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. VIDA DE OBRA DUN POETA NO EXILIO MEXICANO»

MIRO VILLAR

EDITORIAL XERAIS

PÁXINAS  80 PREZO 9,95

Cunha perspectiva de carácter divulgativo que ten presente a vinculación do poeta co exilio constrúese un achegamento, sintético e efectivo, ao perfil vital do autor homenaxeado que completa cunha visión sobre a xeración á que pertenceu. Ofrécese, asemade, unha revisión sobre as súas (auto)poéticas e unha aproximación detallada ao que se denomina “macrotexto poético en galego”, deténdose na análise dos seus primeiros poemas dos seus catro libros poéticos. Non son tampouco menos importantes nin as reflexións sobre o que denomina “o compromiso coa nosa lingua” nin a conclusiva bibliografía esencial.

6. «FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN. VIDA DE OBRA DUN POETA VALDEORRÉS, REPUBLICANO E GALEGUISTA»

RICARDO GURRIARÁN

EDITORIAL GALAXIA

PÁXINAS 416 PREZO 25,50

En 1999 Isaac Díaz Pardo incorporou, na lembrada serie “Documentos” de Ediciós do Castro, este mesmo título. Daquela, coma hoxe grazas a esta oportuna reedición prologada por Xesús Alonso Montero, este libro foi recibido como un ensaio fundamental que condensaba un infrecuente traballo de rastrexo e  investigación minucioso e que, ademais, incorporaba numerosos inéditos, valiosa documentación hemerográfica, outra puramente gráfica e diverso material epistolar rescatado. Un libro que retorna hoxe moi vivo, vinte e dous anos despois, para seguir iluminando con garantías os perfís diversos de Delgado Gurriarán.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 13 de maio de 2022.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s