O COITELO EN NOVEMBRO, DE MARILAR ALEIXANDRE

O pasado 4 de setembro publiquei  unha recensión deste libro de Marilar Aleixandre no suplemento <<Culturas>> de La Voz de Galicia. Ao meu ver trátase dun dos libros máis salientables entre os publicados este mesmo ano polo que me decido a reproducila, cunhas mínimas modificacións, aquí.

 

Recoñecer que Marilar Aleixandre é unha das nosas narradoras máis esixentes poida que estea de máis, pero son dos que pensa que é de xustiza afirmalo. A constancia do seu talento espéllase con claridade neste O coitelo en novembro, un libro que se pode ver como un monllo de relatos mais, ao tempo, tamén como unha novela, sendo talvez o de menos o que se refira á súa adscrición xenérica.

O volume, non é difícil conxecturalo, semella que naceu cunha intención que compilase relatos curtos de diferente extensión, mesmo hai polas súas páxinas algún microrrelato disperso que así parece confirmalo. Con todo, a autora ideou unha estrutura na que todo se interrelaciona e que, deste xeito, deixa a posibilidade aberta de poder considerarse como un discurso integral, compacto e sempre aberto, cun eixo que representa a presenza de sete fragmentos narrativos nos que unha estudante se achega a uns textos atopados, en principio anónimos, e que tamén se reproducen aquí, o que permite achegarse a un motivo moi recorrente neste libro como é o concepto de autoría, de outredade ou mesmo de rebelión textual cando os propios textos se volven en contra do que imaxinou quen os xestou, nun asunto moi suxestivo que vai máis alá do literario.

Por outro lado, o libro pódese contemplar como un exercicio que plasma, diafanamente, unha multiplicidade de recursos narrativos, puntos de vista, perspectivas e orientacións realmente pouco común se queremos atopalos nun único libro. Alén diso, ese conxunto de recursos autoriais vese tamén conxugado por outra multitude de asuntos recreados nos que salienta unha ollada comprensiva, cando cumpre, que enxerga a condición humana, as súas contradiccións e os seus abismos, espellados naqueles textos máis abeirados á intriga ou o misterio, pasando polos que se achegan ao peso da historia e da memoria -a través quer de personaxes como Darwin, Marx, Xoana de Arco ou Franco quer dun tempo concreto como o da posguerra-, ata chegar aos ecos de propostas máis vangardistas ou as voces que pairan nos clásicos como As mil e unha noites, As metaformoses ou o Quixote.

Quen se achegue a este volume seralle difícil antologar algún pois os máis deles, sobre todo aqueles de maior extensión, confirman a potencialidade como narradora que Marilar Aleixandre atesoura trenzando realidade e ficción de tal xeito que fai gañar a complicidade do lector aínda nos casos máis extremos. Algo que me parece especialmente salientable nalgúns dos relatos máis extensos onde a autora amosa unha tensión realmente inesquecible, como o titulado “A Fera no Metro”, onde se transmite a necesidade física de se alimentar dun xeito tan vívido e  transparente que semella contaxiarse.

Un rexistro lingüístico, vizoso e riquísimo como poucos, que mesmo ten o mérito de reconstituír voces patrimoniais –“palabras descarreiradas” chámaas a autora-, condúcenos por un libro de altura máis que notable.