Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

 

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Materia infinita

Follas Novas Edicións, Santiago, 2011, 104 páxinas, 12 €

Materia infinita é “Alguén de carne / e soño sen límites / sempre que haxa amor”; Materia infinita é tamén, como noutra prosa homónima se reflicte, o retrato do espazo agrario da infancia rescatado, posto ao día e ofrecido a través dun cristal limpísimo que permite ver ao seu través para obter unha visión conmovedora, por real, cómplice e sincera. Ambos os dous elementos converxen, e mesmo levedan comunmente, desde as instancias dos afectos, articulándose quer en clave (auto)biográfica como vivencias dun pai, quer dirixindo a ollada a esa memoria particular que constitúe o tempo máxico da infancia.

         Inspirado nunha cita de Valente que nos fornece a perspectiva sobre a que se ergue todo o edificio poético (“convertir la palabra en la materia”) e concibindo esa materia como lingua, non resulta menos operativo o rico mundo simbólico empregado, nada críptico por outra parte, que adopta unha heteroxénea modalidade de formas como son poemas, prosas, adaxios ou sentenzas…

        Se ben a primeira parte do poemario (“Boa esperanza”) se caracteriza pola presenza do verso curto e rotundo, esencialista, centrado na descrición poética dos rebentos que saen á vida, case como a xeito de diario e aplicando un filtro que é esa ollada lúcida que deita sobre a observación do proceso da maternidade e a vivencia da paternidade, este bloque cede o paso con naturalidade, porque nel paira unha estrutura continua que se retroalimenta, ao seguinte, titulado “Encarnación”, nesta ocasión dominado por un período máis longo, en ocasións abeirado a secuencias máis narrativas, ben acaídas para a descrición deses espazos revividos ou rescatados da amentada “artesa da memoria” e que contribúen a reconstruír o mapa das compartidas xeografías interiores do autor, onde non é menor a  relevancia outorgada á instrución ou á educación sostida en valores de liberdade e, xaora, á lingua, como se dixo antes, concibida como elemento axial da identidade colectiva e reservorio do porvir, como en boa lóxica se reflicte no uso dun rexistro poboado por abondosos exemplos tanto do ideolecto ourensán como de localismos de Ramirás  (Ourense): fagan a proba  nos exemplares poemas, por sonoros, rítmicos, vibrantes e intensos, titulados “Sesión de baño e masaxe” e “Marcos de memoria”, este último unha espiral poética, alicerzada na microtoponimia que conclúe: “para saber a onde vou / para coñecer de onde veño”, para avanzar, paréceme, sempre con inequívoca fe no futuro.

 

 

Baixo o título de <<Xeografías interiores>> esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 23 de xullo de 2011.