As fronteiras do medo, de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

As fronteiras do medo

Rodeira, Vigo, 184 páxinas, 8,95 €

 

Publícase un novo libro de Agustín Fernández Paz e acompáñase, como referencia promocional, dunhas palabras alertando  que o presente As fronteiras do medo ve a luz coincidindo co setenta e cinco aniversario da morte de Howard Phillips Lovecraft, quen consideraba asemade a Edgar Allan Poe como o seu particular modelo literario. Non é mala compañía, abofé, nin tampouco un dato a ter en conta que estea de máis, malia que o escritor chairego-vigués xa tripara con fortuna, con éxito de crítica e lectores, eses camiños insinuados por ambos mestres do xénero e que influíron para ben, non me cabe dúbida, nunha parte ben substancial da obra do escritor galego como amosa, por só citar un exemplo, Aire negro, precisa e significativamente reeeditado nestas datas nunha serie de adultos.

       Con todo, talvez aquí se ganduxen, non con maior precisión mais si cunha confesada intensidade, fíos tirados desa confesada admiración pola obra dos escritores devanditos e, abeirándose ao relato curto, volve dar Fernández Paz cumprida conta das habilidades que exhibe con naturalidade nun xénero que esixe un axuste preciso na recreación dunha atmosfera concreta e mais un desenvolvemento argumental que vaia á esencia, exposto con feitura e desenvolvemento milimétrico, tal e como acontece neste volume.

      Non se crea, polo apuntado ata aquí, que As fronteiras do medo resulta un exercicio ecoico deses modelos; ao meu ver, os seis relatos que se compendian son quen de transmitir, sen esquecer o dominio dos recursos narrativos, esa sensación de misterio, terror ou medo que tan ben relata un protagonista que lía a Lovecraft no antolóxico relato “O pozo” cando apunta: “unha inquietude difusa apoderouse de min, coma se unha enerxía descoñecida activase algún mecanismo no meu cerebro”. É, así pois, a través da dosificación argumental como se posibilita penetrar nun amplo abano temático que chanta as súas raíces no ámbito do psicolóxico, con forzas xeradas desde un espazo descoñecido, e que se proxecta en asuntos como a inmortalidade, as atraccións inevitables diante do que se sitúa máis alá da razón ou do tanxible, as posesións, os misterios agochados no mundo do megalitismo, o premonitorio, as maldicións perdurables alén do tempo, as fronteiras que balizan o propio transcurso da vida, o desacougo ou a telepatía entre outros, sen esquecer a puntual inclusión de referencias tiradas do imaxinario de noso, nun contexto que resulta acotío máis ou menos familiar, como seres míticos, festividades como o Samaín ou realidades de filiación antropolóxica  ou relixiosa como a Estadea. Estas e outras referencias vivifican historias imaxinadas que insinúan e perfilan, con indubidable fortuna, ese universo desacougante do descoñecido, o misterio, o medo e mais o terror psicolóxico dispostas, ao meu ver, para todo tipo de lectores.

Esta recensión, baixo o título de “Alén do medo”, publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas”, de La Voz de Galicia, o 9 de xuño de 2012.