Begoña Caamaño: a transgresión do mito

É unha narradora serodia, mais con dúas novelas no peto gañou o favor da crítica e dos lectores. Falamos con ela arredor da súa traxectoria e tamén sobre a súa última novela: Morgana en Esmelle, unha reflexión sobre a impunidade e a culpa, baixo a sombra dos mitos da materia de Bretaña.
      Begoña Caamaño (Vigo, 1964) desenvolveu a súa traxectoria profesional no ámbito do xornalismo desde a súa mocidade. Desde 1989 traballa na Radio Galega, onde  traballou como redactora no programa Diario Cultural e dirixiu varios programas. Na actualidade ocúpase nas seccións de cultura e sociedade dos servizos informativos da emisora pública galega. Publicou dúas novelas: Circe ou ou pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).
A súa presenza como novelista é recente. Que lle impulsou a publicar?
-É difícil contestar con honestidade a esta pregunta. Quizais o máis honrado sería contestar simplemente que a “vaidade”, pero non é tan sinxelo. Son unha escritora serodia. Circe, a miña primeira obra publicada é tamén a miña primeira novela escrita. Nunca antes me aproximara como autora á literatura. A idea dunha relación entre Circe e Penélope levaba anos dando voltas na miña cabeza, pero máis como desexo lector que como intención autoral. Comecei a escribila como un reto persoal. Quería comprobar se era capaz de escribir unha historia propia cunha certa calidade estética (tras vinte anos de xornalismo radiofónico e concisas crónicas “contrarreloxo” dubidaba da miña capacidade para unha narración de alento máis longo e sostido) e un mínimo de interese literario. A súa posterior publicación debeuse fundamentalmente ao entusiasmo e insistencia das amizades que leron o borrador e á xenerosidade da Editorial Galaxia que se atreveu a publicar un texto dunha autora descoñecida.

E Circe concitou a atención da crítica e o favor do lectorado. Sorprendeulle?
-Moito. Ségueme sorprendendo hoxe. Paréceme un agasallo. Non é un texto fácil. A linguaxe empregada, intencionadamente emulando a Homero e empregando para iso fórmulas do galego medieval, pode resultar atafegante, lenta e pesada… Con todo, converteuse nun dos aspectos máis valorados tanto pola crítica como polo público lector.

-A súa querenza por revisar os mitos en clave feminista é inequívoca. Por que?

-Porque son feminista e iso implica toda unha cosmovisión diferente que debemos construír partindo do coñecemento de como fomos creadas e creados. Os mitos son a orixe do “canon”, dos arquetipos que durante séculos, milenios, nos inculcaron para construírnos de acordo á norma. Hai que volver a eles para transgredilos se queremos reconstruírnos como seres diferentes nunha sociedade nova e diversa.
En Morgana reflexiónase sobre o concepto de culpa e da renuncia. Por que?
-Porque detesto a impunidade. Porque o abuso de poder dáme medo, pero o “poder de abusar” provócame un pánico maior. Non é unha culpa no sentido cristián do pecado, senón como obriga ética de asumir as consecuencias de todos os nosos actos Hai algo máis atroz que un tirano que dorme “coa conciencia tranquila”? A renuncia é inherente á elección. Pode ser dolorosa, pero non é un drama. Dramático é converter ás nosas vítimas en “danos colaterais”.
-Algún proxecto narrativo próximo?
-Algún. Pero será demorado e afastarase un pouco das mitoloxías.
           Esta entrevista publicouse, na súa versión en castelán, nas páxinas da sección “Letras galegas” da revista Qué leer, nº 177.