Cartafol de soños. Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012), VV.AA.

Alberte Suras (coordinador)

Cartafol de soños. Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012) (ilustracións de Felipe Senén)

Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, A Coruña, 2012, 88 páxinas.

Facía de menos, particularmente, un libro destas características, isto é, un volume que agrupase voces de poetas que, inspirados tanto pola celebración do centenario de Celso Emilio Ferreiro como pola pegada humana ou literaria que o celanovés puido deixar en cadaquén, se espellase nunha publicación fundamentalmente poética.

   Todo o dito fíxose posible mercé ao labor que levou a cabo Alberte Suras, que o ideou e se responsabilizou de coordinalo en todas as súas dimensións, atopando tanto un acaído ilustrador, neste caso Felipe Senén, como  un acobillo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que o editou. Un libro, así pois, de autoría colectiva, no que participan poetas de moi distintas idades e mesmo sensibilidades estéticas heteroxéneas, mais irmandados nese exercicio de recoñecemento a través da poesía ou doutros textos que transitan polas estremas do xénero. Velaquí, así pois,  a Isaac Alonso Estraviz, Xosé Mª. Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer, Alberte Suras e Luz Pozo Garza tributando, as máis das veces con propostas realizadas ad hoc e por tanto inéditas, esa homenaxe diversa,  particular e colectiva, anunciada xa desde o seu propio título inspirado no célebre Cartafol de poesía de Pepe Velo e Celso Emilio. Poesía precisa, sen dúbida, para lembrar un poeta.