A forma das nubes, de María López Sández

María López Sández

A forma das nubes

Galaxia, Vigo, 2012, 102 páxinas, 12 €

Intento, na medida das miñas posibilidades, estar ben atento ás publicacións que se  derivan do premio narrativa breve Repsol pois non é infrecuente atopar nas propostas galardoadas textos moi suxestivos e, talvez, marcados por unha marcada intensidade que xerada da concepción e limitacións espaciais que esixen no concurso literario. Non me deixan enganar as prosas de Miguel Sande, Anxos Sumai, X.L. Martínez Pereiro, Xurxo Sierra ou F. Díaz Castroverde, ás quen agora se vén sumar María López Sández , de quen coñecía só un ensaio publicado hai poucos  anos –Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio– mais ningún traballo narrativo como que conseguiu a convocatoria deste mesmo ano.

            Esta ópera prima da autora, gústame afirmalo para comezar, supón unha entrada que xulgaría como fulgurante no panorama da narrativa galega de hoxe. A forma dasnubes é un texto coidadísimo desde o punto da vista do ritmo, da estrutura, da lingua, mesmo das mensaxes que quere transmitir, que son moitas e, as máis das veces, apenas insinuadas con trazo rápido, pero á vez intensas e nada perecedoiras.

            López Sández formula e desenvolve unha historia de corte confesional na que a voz protagonista constrúe un exercicio de evocación verosímil, cunha estrutura circular que saber manter o interese até a derradeira páxina. O discurso parte dun estado de “desamor” ou sufrimento, como se queira entender, o que provoca a plasmación dunha torrenteira de momentos, sensacións ou reflexións en clave (auto)biográfica, situadas ao par dun contexto actual desde o que escribe. Un exercicio, ao meu ver, que ten algo de catarse por unha banda, tamén dunha operación que remexe nas razóns dos abismos para tentar saír deles.

        O coñecemento dunha actriz chamada D., no transcurso dun cruceiro, constituirá un feito determinante para a vida da protagonista: unha sorte de obsesión que, dalgún xeito, modificará a súa vida por acontecementos que se suceden nesa viaxe. As páxinas que rememoran o seu pasado, non só os feitos concretos vividos senón as consecuencias destes, aquilo que determina os xuízos e as actitudes coas que ela, nalgunha medida un tanto obsesiva, enfronta situacións extremas tanto no ámbito familiar como no profesional ou sentimental paréceme do máis interesante, xunto co apoio, naturalmente encaixado, de numerosas conexións cun imaxinario particular que beirea o mundo literario –de Kafka a Saint-Exupéry, por exemplo-, e con teimosía o cinematográfico.

            A forma das nubes é unha reflexión sobre a felicidade, ou sobre a propia infelicidade, como se queira ver. A protagonista revélase como pertencente ao grupo de persoas que interpretan esas formas das nubes, que queren entendelas, non só vislumbrar os seus parecidos e transmitilos. É así como na novela hai moita interpretación e reflexión: nela conflúen elementos que proceden dos ámbitos do sentimento, proxectados con forza cando se evocan  e cando así se mesturan as ausencias, a loucura, a incapacidade para amar, a maternidade, a lealdade ou as alquimias que se dan nalgunhas artes, mergullándose limpamente nos espazos dos desexos, das lecturas, das esperanzas e tamén das obsesións…, asuntos todos eles, teño para min, recreados con moita efectividade e acerto, con moito talento tamén.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento”Culturas” de La Voz de Galicia baixo o título de “A forza da metáfora” o 22 de decembro de 2012.