carnia haikai, de Elvira Riveiro

Elvira Riveiro

carnia haikai

A.C. Caldeirón, Malpica, 2013, 71 páxinas, 10 €

 

Galardoou o xurado da sexta convocatoria do premio de poesía erótica Illas Sisargas, conformado por María Lado, Paco de Tano e Antón Noceda, un poemario titulado carnia haikai, que subscribe Elvira Riveiro e que se abeira ao xénero do haiku ou haikai, no ronsel de Novoneyra, Helena Villar, Marilar Aleixandre, Ricardo Martínez Conde ou o Leo por citar autoras e autores de diversas épocas e formacións, ao que cómpre  engadir o recente Briezh de Miro Villar.

    O libro de Elvira Riveiro achégase, así pois, ao  universo do erotismo ou da sensualidade  adoptando a estrutura amentada a través dun evidente esforzo de síntese e concreción que se articula empregando  unha graduada que se segmenta cos diversos momentos do día nos que cómpre alimentar  o corpo, mais tamén o amor. Así pois, partindo dunha declaración rotunda de principios –“-E quen é el? / –Non é el, que é ela. / (ispo pronomes)”– artella e proxecta unha verdadeira “poética dos sentidos” que se distribúen  desde o ‘almorzo’ até a ‘cea’, pasando polo ‘xantar’ e a ‘merenda’, nunha recreación que intersecciona elementos referenciais provenientes do ámbito culinario -licor, biscoito, carne, zume, froitas..-, da fauna -ourizos, raposa, impala, ostras, doniña…-   ou do propio corpo -a pel, o lombo…-, todos eles sempre revestidos dun inequivoco simbolismo erótico.

        O poemario, ademais, amósase como moi traballado e  rico na súa pluralidade, sen desatender a oportunidade de reflectir relacións sexuais non convencionais. Ao tempo, fai pensar no primeiro apartado do ‘almorzo’  nunha homenaxe ás albas ou alboradas medievais galego-portuguesas e reactiva, cando cumpre, a través da palabra exacta e concisa,  outras artes como as musicais, alén de exhibir xogos lingüísticos abondosos como as aliteracións ou outros recursos.

       Sen dúbida é este un poemario intenso: haikus que se fan carne ou carne que se fai haiku; algo que non é doado e que Riveiro harmoniza con talento e elegancia, esencializando o espírito do poemario cun haiku resolutivo e contundente que di: “O sexo é isto: / alimento primario / antropofaxia”. Parabéns e moita sorte con esta proposta pois ben a merece.

1 Comments

Os comentarios están pechados.