Bibliotecarias e bibliotecarios “infames”, de Francisco Xavier Redondo Abal

O INVESTIGADOR REDONDO ABAL OFRECE NESTE LIBRO UNHA ESPLÉNDIDA E NOVIDOSA INVESTIGACIÓN SOBRE A REPRESIÓN EXERCIDA TRAS A GUERRA CIVIL CONTRA AS PERSOAS QUE SE DEDICABAN PROFESIONALMENTE AO MUNDO DAS BIBLIOTECAS

Bibliotecarias e bibliotecarias “infames”

ENSAIO * Francisco X. Redondo Abal * Laiovento * 175 páxinas * 16 euros

Hai libros que conmoven, quer polo que contan quer por como o contan. Este ensaio de Redondo Abal, quen xa detenta un relevante currículo como investigador e ensaísta, subtitúlase “A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego” e cumpre con folgura o primeiro dos trazos expostos pois desempoa con efectividade os descoñecidos procesos de represión exercidos contra as persoas que custodiaban os libros en Galicia despois da guerra civil e, nese bucle do esquezo no que veces vivimos, desvela quen eran estas persoas, cal foi a súa actividade e cal a purga que sufriron en forma de expulsión, postergación, traslado forzoso ou morte. Ademais, o relato asume un diálogo necesario con numerosos documentos rescatados -ferramenta fundamental contra a que é imposible contraargumentar- e exponse con claridade e limpeza.

         Prologado con tino por Manuel Rivas, difícil é realizar unha lectura sen emoción ao coñecer o que aconteceu na vida de persoas concretas, sobre todo mulleres, que por exerceren con profesionalidade o seu cometido e por acreditaren no valor da socialización da lectura, foron borradas da historia. Non se ocultan aquí os responsables do drama como o que chegou a deixar escrito que o seu labor depurador ía colleitando “un éxito que me tiene ilusionado”.

 O importante, con todo, é a vontade de reparación da memoria que serve tamén para resituar na nosa historia cultural persoas como Teresa Vaamonde, Luisa Cuesta, María Brey, Nicéforo Cocho, Ramón Iglesia, Juan Vicens, María Muñoz e Juana Capdevielle. Grazas ao autor por compartir e ensinar tanto.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 29 de agosto de 2014 baixo o título de “A depuración sobre o corpo bibliotecario galego”

2 Comments

  1. Tan certo…para ler con emoción e tamén para reflexionar sobre o esquecemento e a necesidade de lembrar e coñecer tanto as historias destes homes e mulleres coma os documentos que Fran tan ben recompilou e amosa. Grazas pola mención ao blog da BUSC. Para nós un auténtico luxo!

Os comentarios están pechados.