Na mesa de debate “A crítica literaria en Galicia”, no Culturgal 2014

Resultou, ao meu ver, moi interesante e suxestiva a mesa de debate que se celebrou onte sobre a crítica literaria en Galicia, nun espazo que Culturgal brindou á Sección de Crítica da AELG, organizadora do evento. Os adxectivos veñen ao fío de que o encontro, alén de cumprir co obxectivo de visibilizar a existencia da devandita sección, posibilitou un intercambio de opinións, de perspectivas e puntos de vista sobre parte da crítica que se fai en Galicia e, ademais, tal e como desde o Culturgal se sinalou, contribuíu a desvelar as caras da crítica, cando menos algunhas delas.

     A intervención inicial, que correspondeu a Roberto Pascual, comezou facendo referencia ao feito de que a tarefa crítica non remata na lectura individual. Ao seu ver, a crítica, entendida como creación, posúe unha función que vai máis alá do factor puramente mediador e informativo, engadindo que no caso da crítica teatral posúe a especificidade dun ámbito receptor particular que, no caso das críticas a espectáculos, se estende ás compañías teatrais e mais ao ámbito pedagóxico. Non faltaron as referencias á marxinalidade da crítica  teatral nos medios, salientando a relevancia do papel que desempeña neste ámbito unha publicación como é a Revista Galega de Teatro.

    Montse Pena, que viña tamén de presentar a revista dixital Criaturas, dirixida por Ledicia Costas e Daniel Landesa, da que forma parte do consello da redacción e que  recomendo vivamente visitar premendo aquí, articulou a súa intervención partindo dunha posible definición da práctica crítica, acreditando na persecución dun obxectivo como é o de realzar a función estética do que se escribe e comunica. Nucleou, asemade, o seu discuso no que atinxe á crítica da LIX, sendo consciente de que escribe para persoas mediadoras e non directamente para a infancia. Concluíu, tras a referencia cumprida de onde ler crítica de LIX en Galicia, abrazando a intención de se presentar como unha “incitadora a ler”, lectura que debe ser inoculada, claro é, coa sedución pois tal e como Pennac deixou dito:  “o verbo ler, como o verbo amar, non soporta o imperativo”.

     Mario Regueira, pola súa parte, centrou boa parte da súa intervención en compartir unha reflexión sobre a autonomía real da crítica en Galicia, aludindo á súa propia experiencia como crítico, con periodicidade semanal nos dous últimos anos desde as páxinas de Sermos Galiza, e o que isto conleva como a procura dunha representación paritaria no que se refire a xéneros literarios e non só. Ao tempo, insistiu na necesidade de realizar unha autocrítica desta ocupación, apelando á necesidade de obxectividade e argumentación no traballo crítico, algo ben difícil -sobre todo o primeiro- ao facelo nun país non que non é difícil atoparse, antes ou despois e indefectiblemente, a quen se critica.

    Lara Rozados fixo un repaso pola filosofía de traballo da plataforma de crítica literaria feminista A Sega,  plataforma que abraza o feminismo como marco de traballo e perspectiva de análise. Rozados desvelou parte dos obxectivos que se perseguen colectivamente como son “okupar” o espazo crítico para encher invisibilizacións nun ámbito dominado polo patriarcado, intervir con actividades que xeren debate e poñer en cuestión temas e perspectivas.  Aludiu, asemade, á dinámica interna e colaborativa das publicacións da plataforma que pasan con anterioridade por un proceso horizontal de peneira, comentario e debate interno antes de saír á luz: un modelo que posibilita un proceso de aprendizaxe e debate para ir tecendo redes neste ámbito. Concluíu explicando o sentido de iniciativas como Día das Galegas nas Letras e os contidos que ata agora se deron coñecer na devandita plataforma.

     Un diálogo, tamén enriquecedor, entre o público asistente e as persoas participantes pechou un acto que, de podermos desde a Sección de Crítica da AELG,  repetiremos se se dá a ocasión. Grazas a todas e todos por compartir experiencias e reflexións.