Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976, de Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín

Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín

Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976

Fundación Otero Pedrayo-Xunta de Galicia-Deputación de Ourense, 209 páxinas, 22 €

 

 

Non considero que a bibliofilia sexa un mal, máis ben todo o contrario pois con seguridade os libros son obxectos amados malia que  a súa acumulación progresiva e caótica carrexe importantes problemas, e non son os menores os de loxística. Afirmo isto porque, por bibliofilia e admiración polo proxecto,  conservo nun espazo destacado a colección de fotobiografías editadas por Edicións Xerais ou Ouvirmos durante moito tempo, a carón doutros libros de características semellantes pois axudaron a entender o herdo literario e humano, combinando textos e imaxes, a algunhas xeracións, entre as que me encontro. Aí ten o seu lugar, desde agora, este volume titulado Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976 que, producido pola Editorial Galaxia, asinan Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín. Non teño dúbidas, de primeiras, en afirmar que é este un traballo monumental e oceánico, adxectivos que ben poden retratar tamén ao propio Otero Pedrayo.

    Cunha inequívoca intención divulgativa, con prólogo de Víctor F. Freixanes e epílogo de Ramón Villares, harmonízase aquí a biografía “narrada” -porque xustamente unha biografía é-  cun corpus salientable de ilustracións composto por centos de documentos gráficos dispersos, en gran parte fotografías, mais tamén cubertas de libros, documentos éditos ou inéditos, manuscritos e mecanoscritos do propio Otero, fragmentos de cartas, retallos de xornais, crónicas, carteis e un longo etcétera, todos eles operativos para trazar con bo tino o percorrido vital do autor de Trasalba.

     O discurso narrativo que os coautores desta edición, agás ao meu entender algúns capítulos que gustaría ver  aumentados, algo que en absoluto embaza o resultado deste traballo, supón un inxente traballo de documentación levado a cabo en diversas institucións e arquivos, galegos e foráneos, como tamén o foi a posterior reordenación deste material que funciona como un alicerce básico para construír con vigor e seriedade un dos periplos culturais e humanos  máis salientables e comprometidos co seu país ao longo do século XX.

     Estou certo que cadaquén realizará, e convido que así se faga, a súa propia lectura desta proposta e salientará algún aspecto concreto dela. O libro, como Freixanes apunta, serve para navegar pola “memoria das cousas”, das cousas de Otero e do noso propio pasado, proxectando con efectividade as diversas facianas do polígrafo como persoa, como xeógrafo, literato, orador, político e creador en xeral, mais tamén como docente: un profesor “amable e entregado”, como se sinala neste libro, que se dedicou apaixonadamente á súa profesión tras escoitar un consello de seu pai, o médico liberal Enrique Otero Sotelo, que lle insistiu en que “os profesores son os frades do novo século”. Nunca lera nin oíra, particularmente, esa sentenza e seica Otero obedeceu ao pai: predicou, así, o galeguismo e ao amor ao país non só en tribunas docentes, abrazando unha fe á que mesmo, en tempos escuros, lle gardou unha fidelidade que puxo por riba de intereses persoais ao entender tarefa encomendada máis que como obriga como pór en práctica un exercicio, moi xeneroso, de fraternidade. Grazas por recordárnolo e grazas a quen fixeron posible este libro.