Amor en alpargatas, de Manuel Portas

CUN PANO DE FONDO QUE ESPELLA PARTE DAS PERIPECIAS DO NACIONALISMO GALEGO E AS SÚAS TENSIÓNS INTERNAS, PORTAS CONSTRÚE UNHA SÓLIDA E HONESTA NOVELA CRUZADA POLO CONCEPTO DO AMOR EN DIFERENTES DIMENSIÓNS

 

 

Manuel Portas

Amor en alpargatas

Xerais, Vigo, 2015, 208 páxinas, 16,65 €

 

Non é común que unha novela aborde, desde a ficción e nunha parte non desdeñable, a praxe nacionalista galega dos últimos anos, e que se expoña con transparencia e indubidable espírito crítico.

       Se así fose enteiramente, cousa ben lícita, a súa análise talvez lle cumprira a politólogos mais Amor en alpargatas, cuarta novela de Manuel Portas en apenas cinco anos, simboliza volver abrazar un modelo  marcado tanto por recrear con excelencia os recursos que posibilitan alicerzar con garantías unha novela como por explorar con acerto as posibilidades expresivas do idioma, a carón de remexer nas tensións que avivan ese universo alimentado polas sempre complexas relacións persoais e as contradiccións do ser humano.

         Neste libro é palmario advertir como se atesouran varias historias de amor: a primeira inspírase nun triángulo composto por personaxes sólidas como son Senén e dúas mulleres coas que compartiu a súa vida: Lucía e Sara. A través dun xogo de perspectivas milimetrado accedemos ao pasado do primeiro, á súa orixe, ao  compromiso político que bebe no antifranquismo e que se espella no nacionalismo partidista do que será depurado, ás súas relacións e, en definitiva, á memoria da súa vida. Mais hai aquí outras historias de amor: unha focalízase nos fillos de Senén, Amalia e Xián, sobre todo no último pois espella unha peripecia persoal dura e poderosa derivada das súas conviccións ideolóxicas. Asemade, non sabería definir senón como historias de inspiración semellante ás sinaladas as que Senén mantén, desde a primeira páxina, cos libros e coa lectura e aqueloutra que o une co seu propio país. Como se ve hai, felizmente, onde escoller.

Esta recensión, baixo o título de “Memoria de amor e vida”, viu a luz nas páxinas do suplemento <<Fugas>>, de La Voz de Galicia, o 27 de febreiro de 2015.