Rubicundo, de María Canosa

rubiMaría Canosa

Rubicundo (ilustracións de Nuria Díaz)

Xerais, Vigo, 2015, 88 páxinas, 11,50 €

 

Non albergo dúbidas diante do feito de que María Canosa vén ocupando un salientable espazo, desde hai anos, no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Boa proba do que afirmo é o seu continuado e constante labor creativo, referendado en numerosas publicacións que viron a luz  nos últimos tempos. Súmase arestora ao seu currículo Rubicundo, libro co que resultou finalista no Premio da XXIX edición do Merlín de Literatura Infantil 2014 e que conta cunha espléndida interpretación artística a cargo da ilustradora e deseñadora gráfica Nuria Díaz.

        A novela, orientada para unha franxa de lectorado de nove ou de anos en diante, mais ao meu ver ben substanciosa para calquera persoa de calquera idade que se achegue a ela,  dialoga en boa lóxica con trazos que caracterizan a obra da escritora de Cee e que os transitamos polas súas obras ben distinguimos como son a axilidade e o coidado depositado no discurso expresivo, as grandes doses imaxinativas que se abrazan moitos argumentos, de mans dadas con algún aspecto de orientación didáctica e, mesmo, nalgún caso científica e, ao mesmo tempo, a prioridade outorgada, en moitas ocasións, ás protagonistas femininas.

      Rubicundo, pola súa parte,  presenta unha estrutura onde non se dá opción a establecer apenas pausas impondo unha dinámica continuada de lectura; novela de personaxe ou personaxes, que axiña gaña a complicidade de quen a le. Nela salienta tanto Erea, unha nena de nove anos, intuitiva, observadora, enxeñosa, mesmo teimuda e sempre aberta á vivencia de aventuras e ao devezo de coñecer e ollar, con limpeza e de fronte, ao que engloban ou representan valores como a discreción ou a amizade, que sabe practicar os efectos balsámicos do humor e albiscar a importancia da imaxinación para o seu día a día. Por outro lado, quen  lle dá título á proposta narrativa, Rubicundo, é ese outro esteo no desenvolvemento argumental da novela, en quen repousa un enigma nada previsible; ao tempo é el  quen abraza e representa a liña máxica ou fantástica se se quer, mais tamén perfilado en todas as súas aristas, tamén aquelas que definen a propia condición humana: un personaxe que acaba meténdose, como lle ocorre a Erea, no corazón de quen o coñece. Moitos parabéns por esta achega.