No falecemento de Ramón Luís Acuña

O meu amigo Carlos López Bernárdez vén de comunicarme a triste noticia do falecemento de Ramón Luís Acuña. Para un conxunto de persoas, nas que integro o propio Carlos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Manuel Bragado, Conchi Diéguez, Xosé Manuel Cid e, con certeza, algunhas outras que agora esquezo, constitúe unha perda dolorosa. Ramón Luís logrou aglutinar vontades a través da figura de seu pai -o poeta Acuña- e, ao tempo, espallar a admiración por esa voz poética, única e irrepetible, que constituíu o poeta de Trives e da que boa proba foi o volume Manuel Luís Acuña publicado en Xerais no 2000, hoxe esgotado.

    A súa axuda foi esencial para reactivar, a partir dos anos noventa, a Manuel Luís Acuña e sempre lle estarei agradecido pola súa xenerosidade, por tanto tempo compartido e por tantas conversas nas que moito aprendín. Ramón Luís seguiu traballando como periodista, e columnista, até hai só uns días pois amou o xornalismo alén de ser o seu medio de vida. Na miña caixa de correo lembro un correo seu, de hai só un mes, convidándome a ficcionar sobre o feito da aparición dun exemplar de Fírgoas -a reedición de Xerais- nunha libraría de vello de Buenos Aires. Tentarei facelo na súa memoria. Que a terra lle sexa leve.