Cuestionario Proust: Toño Núñez

 

 

Toño Núñez

1.- O principal trazo do seu carácter?
-O compromiso, a seriedade, quizais.
2.- Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A bondade.
3.-Que agarda das súas amizades?
-Que sexan auténticas.
4.-A súa principal eiva?
-A escasa capacidade de resolución, a falta de memoria (non lembro máis).
5.-A súa ocupación favorita?
-Soñar esperto polas noites.
6.-O seu ideal de felicidade?
-Vivir nun mundo no que se cumprise a máxima: “Non lle fagas a ninguén o que non che guste que che fagan a ti”.
7.-Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder a autonomía física ou mental, ou ambas, claro; ou que a perdesen as miñas fillas, a miña compañeira de viaxe…
8.-Quen lle gustaría ser?
-Alguén con capacidade para transformar o mundo, para combater a inxustiza…
9.-En que país desexaría vivir?
-Igual me viña ben (para a miña saúde) vivir nun país no que non fixese frío nin calor. Existe? Pois, logo, xa que non me deron a escoller, sigo aquí.
10.- A súa cor favorita?
-A da herba.
11.-A flor que máis lle gusta?
-A da cerdeira.
12.-O paxaro que prefire?
-O xílgaro.
13.-A súa devoción na prosa?
-En conxunto, a de Manuel Rivas.
14.-E na poesía?
-Pico aquí, pico acolá.
15.-Un libro?
-Polo que me marcou cando o lin, Memorias dun neno labrego; pola mestría literaria… quizais… Rayuela, de Cortázar.
16.-Un heroe de ficción?
-Calquera que lles roube aos ricos para repartir entre os pobres, calquera que loite polos dereitos das persoas desfavorecidas…
17.-Unha heroína?
-Calquera nai á que lle asasinaron un fillo na guerra, calquera nai de drogadicto ou drogadicta, calquera muller vítima de malos tratos, calquera muller casada cun alcohólico… Tantas…
18.-A súa música favorita?
-Uf… Se me desen a escoller… A de Fuxan os ventos.
19.-Na pintura?
-Uf, uf… Universal… Caravaggio; un pintor noso contemporáneo… Miguel Anxo Macía.
20.-Un heroe ou heroína na vida real?
-Despois dos futbolistas de máis sona, calquera médica/o que salve vidas nun quirófano. Non son mitómano.
21.-O seu nome favorito?
-Navia.
22.-Que hábito alleo non soporta?
-A chulería é un hábito?
23.-O que máis odia?
-O odio.
24.-A figura histórica que máis despreza?
-Calquera que fose capaz de humillar, maltratar, torturar, violar, matar por vinganza ou por conquistar ou conservar o poder. Non obstante, paréceme que as figuras históricas hai que xulgalas no seu contexto.
25.-Un feito militar que admira?
-Son radicalmente contrario á existencia dos exércitos… Ningún!
26.-Que don natural lle gustaría ter?
-O da intelixencia e o da bondade; porque… un sen o outro… serven para pouco.
27.-De que maneira lle gustaría morrer?
-Durmindo.
28.-Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-En condicións normais, a tranquilidade.
29.-Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A ignorancia involuntaria, o rancor dos maltratados pola vida; pola contra, levo moi mal a hipocrisía.
30.-Un lema na súa vida?
-Dous: “Da Terra veño e á Terra volverei” e “Non lle fagas a ninguén o que non queiras para ti”.