Dominio público, de Ramón Neto

Ramón Neto

Dominio público (limiar de Eli Ríos, ilustracións de Peter Kremer)

A.C. Caldeirón, Malpica, 2014, 54 páxinas, 10 €

 

 

Algún día cumprirá deterse no que significa o catálogo de Caldeirón no ámbito da poesía contemporánea, composto non só por libros galardoados no premio de poesía erótica “Illas Sisargas” como é o caso deste Dominio público que vén da man do poeta arousán Ramón Neto.  Os libros de Caldeirón sempre constitúen un galano polo inesperado que estes encerran e, abofé, por presentaren un nivel de esixencia sempre destacable, alén de que cómpre recoñecer o feito de que nacen dunha iniciativa voluntariosa que se leva a cabo desde unha Asociación Cultural que atopa unha institución, como é o Concello de Malpica, sensible diante da promoción da cultura propia, neste caso da poesía galega.

     Con todo, hoxe só quería referirme a un libro galardoado na edición de 2013 do devandito premio, aparecido hai xa uns cantos meses e ao que non puiden asomarme até hai uns días. Refírome a Dominio público, prologado por Eli Ríos que traza unhas palabras certeiras e asisadas sobre este libro  situándoo baixo a vontade de sexualizar o “universo todo á procura da metamorfose” e desvelando tres elementos centrais que percorren estas páxinas: as crenzas máxicas, a cosmovisión non racionalista e mais a compenetración coa natureza, engadindo o peso de certos ecos cunquerianos e a filiación co surrealismo francés. Conceptúa Ríos, ademais, a poesía de Neto como “subversiva e a contracorrente” para concluír cun apuntamento sobre a recepción plural que suxire este libro: “hai tantas conciencias e tantas lecturas como persoas que mergullen os versos de Ramón Neto”.  Abofé que así é, non teño dúbida.

     As composicións de Ramón Neto crúzanse por un alento narrativo, presente en moitas ocasións, que desenvolve pequenas microhistorias para nos situar en diversos lugares -a deslocalización e o cosmopolitismo son outros dos seus trazos-, deixando pegadas de diversas culturas e linguas, onde xorden situacións e instantáneas para que os corpos, a dinámica da sedución, a hermenéutica dos sentidos e a sensualidade pasen a un primeiro plano, en tantas ocasións rodeadas dunha carga indisimulada de ironía onde se suxire implicitamente desennobelar ecos literarios, mais tamén musicais, cinematográficos e artísticos en xeral, operativos para establecer con eles un diálogo continuo, fluído e suxestivo. Con todo iso, Neto quebra, á mantenta, a súa privacidade e outórgalle á súa creación o estatus de dominio público. Convido a que se coñeza e permítome deixar aquí un poema tirado dun conxunto de catro composicións do libro que viron a luz, non hai moito tempo, en Palavra comum.

 

Ao sur da fronteira lingüística

Apreixarei os labios da túa grila
como se lles falase

–a fenda
na paisaxe luar da canteira asolagada
é agora un lago catro veces
máis fondo que ancho
e a auga
un groso tampón de escuridade
no que para a diversión de mergulladores
afeccionados
deitaron os obxectos que desprezamos de adolescentes
e só empezamos a coleccionar anos despois da crise:

a dez metros de profundidade esquivo un helicóptero
estrelado;
a quince metros esculco un londiniense bus de dous pisos;
a vinte, unha formigoneira verde pola que asoma o raxo
dun polbo; e máis alá
o derradeiro molusco que sobrevive nesta negrura:
a quen lle falas?, inquires

e o lago relambe as súas beiras de espello.