Stand by, num estado de emergência, de Cruz Martínez

Cruz Martínez

Stand by, num estado de emergência [alalá demente]

Poesia fã Clube, Porto, 56 páxinas, 15 €

Publicouse hai escasos meses o último libro de Cruz Martínez, que se vén engadir aos seus recentes poemarios anteriores: Espelho de mim mesma (2014) e mais Xerografía en branco e negro (2014). Deste xeito, a poeta de Armenteira (Meis) volve á actualidade literaria transitando o xénero máis querido que lle posibilita erguer a voz, unha voz esgazada e dolorida, contra o terrorismo machista, simbolizando esa vontade na figura de “Amanda”, no fondo un suxeito plural e colectivo que, malia todos os inconvenientes e dificultades, batalla acotío para escorrentar os ferrollos que impón o maltrato e a violencia. Amanda, aínda así e con férrea vontade, persegue teimosamente a liberdade que o sistema patriarcal lle nega e reinvindica, como acaidamente rosanegra, a prologuista deste libro, afirma: “a verdadeira igualdade e a justiça social pelo ser humano mais fraco a ser imponderado…”.

    Velaquí, así pois, un berro de liberdade emitido desde unha gorxa ferida e doente que aborda non só unha senón múltiples “existências en stand by”. E faino mercé un xogo de voces en diferentes perspectivas que son marteladas contra o infamia, o perenne silencio, o pranto e a dor…, con estas ferramentas, coa palabra máis núa e acusadora, asómase con convicción aos estarrecedores ángulos, por veces só entrevistos mais que a autora sabe revelar, que atesoura o medo e mais a violencia.