Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Lourenço, xograr, de Manuel Portas

Manuel Portas

Lourenço, xograr

Galaxia, Vigo, 312 páxinas, 18 €

 

 

O Premio García Barros 2015 recaeu en Lourenço, xograr, unha suxestiva novela de Manuel Portas que converte en materia narrativa un territorio como foi o lirismo medieval, esa anaco esplendoroso do noso pasado

Velaquí un xiro temático que testemuña a versatilidade creativa de Manuel Portas a debruzarse agora na vontade de insuflarlle un alento de vida a alguén que viviu entre nós hai moitos anos, do que ben pouco se sabía agás que deixou como legado un mangado de poemas. Era este un xograr que perseguiu arreo un soño como era o de compor cantigas trobadorescas e obter certo recoñecemento por iso, malia que a súa orixe plebea case o fixese imposible.

      Desde agora vai ser ben difícil que cando se lean os poemas do xograr Lourenço non se asocie a súa figura ao perfil humano que Portas deseñou como o dunha persoa que vivía a literatura e que cría no que escribía, de xeito que non chegaba a distinguir entre o sentido e o expresado a través da chamada forma inmóbil. Lourenço, que abala entre a picardía e a inxenuidade, é o fío que nos introduce nun universo pouco tratado desde a ficción contemporánea como é o da poesía medieval galego-portuguesa e o seu tempo, encerrado aquí en páxinas de extraordinaria plasticidade, en especial aquelas que reparan no contexto trobaresco ou as que versan sobre a guerra e describen o amor, por só citar tres casos.

      Lourenço, xograr é, así pois, un texto poliédrico, documentado con solidez e que navega entre as aguas da novela histórica e filo-biográfica, a de aventuras e a de iniciación, e que mesmo non deixa de discorrer con discreción polos camiños da metaliteratura. Ademais recorre a unha estrutura novidosa que conxuga unha perspectiva canónica con outra na que diversas voces, todas distintas e confesionais, constrúen discursos que complementan con naturalidade as diversas dimensións que percorren esta proposta da que non é difícil albiscar que terá singraduras felices e duradoiras no tempo. Alegrareime que así sexa.

Baixo o título de “Á busca dun soño” esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de decembro de 2015.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: