Europa Express, de Andrea Maceiras

Andrea Maceiras

Europa Express

Xerais, Vigo, 216 páxinas, 11,80 €

 

 

Nunca, polo de agora, me defraudou Andrea Maceiras como narradora. Tampouco o fixo con este Europa Express que chega, ademais, avalado por acadar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2015.  Novela, vaia por diante, ben operativa tanto para un lectorado do segmento xuvenil como para outro adulto pois a tonalidade narrativa que exhibe, a carón dos recursos técnicos que emprega e as temáticas que explora así parecen demostralo, abrazando con naturalidade se concepto de crossover ao que me teño referido aquí en diversas ocasións.

    Maceiras, así pois, articula un particular e ambicioso On the road -“a vida é un país estranxeiro” cítase expresamente nestas páxinas- a través dun grupo de amigas e amigos -Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía- que, ao final do bacharelato,  escollen o Interrail para viaxar por Europa e, dalgún xeito, descubrírense a si mesmos e experimentar a sensación de liberdade ao tempo que visitan diversos lugares como Stavanger, Odense, Copenhaguen, Berlín, Praga, Budapest ou Florencia e Venecia entre outros. Velaí como este fío, quer dicir, o da novela de formulación identitaria, vai fundíndose co de intriga psicolóxica a través dunha estrutura que vai e vén, anoando con solvencia o acontecido hai dez anos co tempo presente. Para ese obxectivo serán fundamentais tanto as dimensións que encerra a personalidade e percorrido vital dun dos amigos -Xacobe- como unha desconcertante postal atopada por Nico, funcionando ambos os dous factores como faíscas que farán prender as evocacións dun tempo confuso e bretemoso que rematou de xeito abrupto e case incomprensible. Un xogo de perspectivas técnicas esixente, sobre todo nos discursos da “actualidade” aos que cómpre cederlle certas doses de complicidade, posibilita observar, en moitas ocasións, realidades e feitos que poden semellar idénticos desde diferentes olladas, e non é menor aí a valoración suxestiva que se fai da fraxilidade e futilidade do ser humano, da conquista da liberdade, do amor, da amizade e da procura constante dos espazos persoais.

    Unha boa novela esta Europa Express á que lle desexo unha moi feliz andaina.