Izan o da saca, de Xabier Quiroga

Xabier Quiroga

Izan o da saca

Xerais, Vigo, 2015, 384 páxinas, 21 €

 

 

Xabier Quiroga volve transitar polos labirintos da historia máis recente ideando unha novela que se adentra no enigma que supón o paso dos nazis fuxidos cara a América: a misteriosa “ruta das ratas”.

Izan o da saca non deixa de confirmar a excelente progresión creativa de Xabier Quiroga. Ás súas cinco novelas vén engadirse agora unha peza na que reaparece un personaxe d´O cabo do mundo chamado Reiniña: un peculiar taxista que nos conducirá a desentrañar o nobelo dunha historia milimetricamente estruturada. Na proposta prefigúrase, ademais, un lectorado activo desde ese remol que constitúen os diversos segmentos narrativos que, por certo, se reordenan e cobran total sentido á conclusión, como é adoito nun autor que segue a exhibir un rexistro lingüístico fantástico.

     Varela, un político e empresario galego que pretende agochar algúns capítulos do pasado, recorre a Reiniña para clarexar certos enigmas que se explican no percorrido de diversos espazos como as torres de Arneiro, ou reparando en asuntos que os nazis protagonizaron en Galicia como o accidente aéreo de Córneas, o desembarco das tropas da Lexión Cóndor en Vigo ou os misterios que encerra o mosteiro de Samos, sen esquecer a relevancia que cobra a Ribeira Sacra.

     Quiroga amosa a súa habilidade para fundir, equilibrando os planos cando é preciso, historias e recursos que beben da novela negra e da histórica, obtendo un resultado moi satisfactorio. O ritmo trepidante da novela, e ese pouso retranqueiro que paira por ela, obriga a avanzar, sen alento, ata acadar esa conclusión, enxeñosa e inesperada, que convido a coñecer.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 12 de febreiro de 2016, baixo o título de “O enigma da Ruta das Ratas”.