Tártarus, de Antonio Manuel Fraga

Antonio M. Fraga

Tártarus

Xerais, Vigo, 248 páxinas, 12 €

 

Teño para min que Antonio M. Fraga (Pontedeume, 1976) é un dos grandes valores da nosa literatura xuvenil, e non só. Demóstrase con solvencia aquí onde se crea un universo imaxinativo no ronsel de Ende, C.S. Lewis ou Tolkien. En Tártarus conflúen irrebatibles acertos como a superación de tópicos xenéricos, a constante presenza da música, a forza que se lle outorga ao relato oral, a querenza pola aventura e unha estudada estrutura: todo por xunto para serpear polos camiños dunha distopía que dialoga, con enxeño, co noso propio tempo. Seica esta singular proposta gozará de continuidade en breve e iso é unha excelente noticia.

Baixo o título de “Unha distopía moi atractiva” este texto viu a luz o venres 17 de xuño nas páxinas do suplemento Fugas.