Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, de Álex Alonso

Álex Alonso

Tempos de bebidas isotónicas e fast-food

Xerais, Vigo, 168 páxinas, 16,65 €

 

Álex Alonso ofrece un libro de relatos que supón unha ollada crítica e corrosiva á sociedade actual e que foi, ademais, galardoado na XVII edición do Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole.

 

«Cando un camiña polo terreo da desesperación a vergonza nin asoma. A vergonza sente vergonza de si mesma», déixase escrito neste primeiro libro de relatos do escritor vigués Álex Alonso. Sentenzas coma esta hainas, a eito, nunha proposta que non dubido en cualificar como das máis suxestivas e interesantes no ámbito do relato curto entre as que caeron nas miñas mans nos últimos meses.

     Semella que o autor xuntou pousos de indignación, atento á realidade ou se cadra aos lados máis escuros da realidade, remexeu nos cinceiros, no lixo ou no esquezo do máis inmediato onde se vai arrombando aquilo que non se quere ver ou se ignora e atopou unha alquimia máxica ao mesturalos cun exercicio técnico esplendoroso e heteroxéneo en canto a puntos de vista e recursos narrativos, dominando con habilidade a demanda da precisa complicidade que axiña consegue ao situarse á mantenta, e sempre, no outro lado, por veces con personaxes sometidos a un disfrace pouco opaco. Talvez así é quen de converter toda materia narrativa que manexa e recrea -a corrupción, o paro, a precariedade, o conflito lingüístico, o abuso do poder, a violencia gratuíta, o acoso escolar, as preferentes ou a inmigración, entre outros- nunha substancia diferente, en tantas ocasións corrosiva e dirixida, directamente, cara á conciencia de quen le.

       Castelao situara no frontispicio de Un ollo de vidro unha cita de Mark Twain que dicía «debaixo do humorismo hai sempre unha grande dor». Aquí ocorre o mesmo: rastréxase unha dor solidaria que, por baixo da parodia, a ironía, o humor ou a caricatura, circula con forza propia baixo o acobillo dunha espléndida forma literaria.

Esta recensión, baixo o título de “Unha cartografía actual”, publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 8 de xullo de 2016.