O encargo do señor Castelao, de Luís Rei Núñez

Luís Rei Núñez

O encargo do señor Castelao

Xerais, Vigo, 2016, 320 páxinas, 18 €

 

 

Luís Rei traza o percorrido vital dos últimos anos de Afonso Daniel Rodríguez Castelao partindo das ansias de vinganza que agroman tras un encontro que o rianxeiro mantén co militante comunista José Gómez Gayoso.    

Que podería ocorrer se…? Esta semella a formulación que abraza Luís Rei para construír unha sólida e documentada novela, abeirada ao que se dá en chamar non ficción da man dun documentalista que descobre un encargo particular que Castelao lle realiza a Gómez Gayoso no que subxace o desexo de que a culpa, tras a ignominia cometida cun amigo, “non quede solteira”.

         Aínda sendo posible e, quen sabe se probable, a devandita petición, esta supón un acertado recurso para que estas páxinas se alicercen sobre a vontade de reconstruír a memoria colectiva a través dos pasos, minuciosos pasos, que espellan os derradeiros anos de vida de Castelao: ese período turbulento, doloroso e sometido ás imposicións dun exilio que percorre as rúas de La Habana, Nova York, París e Buenos Aires, coa presenza reiterada da cidade de Pontevedra que adopta, na evocación, o papel dunha Arcadia, case sempre feliz.

         É, no pano de fondo dos anos da posguerra, onde se deseña o perfil dun Castelao que sabe do seu papel simbólico, sempre acompañado por unha Virxinia Pereira que adquire o protagonismo que lle é de xustiza asignar. Mais tamén se abordan as claves da resistencia antifranquista que simboliza José Gómez Gayoso, de quen tamén se percorren os camiños dunha andaina particular marcada polo activismo político ata a súa execución no ano 1948. É así como se habilita unha lectura que vai alén do memorialismo –magníficas as páxinas dedicadas ao campo de concentración de Saint Cyprien ou as que abren a novela centradas na lobotomía que se lle practicou ao pastor de estrelas, como denominou Blanco-Amor a Castelao, por poñer só dous exemplos- e que descansa nas aristas dun dilema moral, operativo asemade para deterse con brillantez tanto nas estremas da condición humana como nalgúns capítulos, especialmente relevantes, do noso pasado.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o  26 de agosto de 2016, baixo o título de “O segredo do pastor de estrelas”.