Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo

Xosé Monteagudo

Todo canto fomos

Galaxia, Vigo, 534 páxinas, 23,70 €

Xosé Monteagudo publica unha novela de longo alento e fascinante lectura: poliédrica, intensa e moi precisa.

Publicada pouco tempo antes do verán, e cun grande éxito de recepción ata o de agora, é esta unha das novelas máis salientables, tanto no percorrido creativo de Xosé Monteagudo como entre as do seu xénero que viron a luz nesta tempada literaria.

         Sintetizar as razóns da devandita afirmación non é doado mais algúns dos argumentos camiñan, inicialmente, por esa intención case oceánica de apreixar a historia máis recente de Galicia e fabular sobre ela cun monllo de personaxes solventes, solidamente construídos e garantes do multiperspectivismo na que se asenta. Alén dunha solución estrutural precisa e acaída, o autor obriga a facer unha lectura minuciosa e atenta, nalgunha medida esixente. É así como, a través da propia lectura e case coma se fose unha epifanía, as persoas que se achegan a Todo canto fomos gozan dunha sorte de revelación mediante a que se xuntan a ese coro de personaxes diante dos que non é difícil sentir empatía: un escritor de novelas policiais, unha muller que loita por un amor imposible, un emigrante retornado, unha mestra ilusionada que quere cambiar o mundo, un historiador… A disposición estrutural obriga, se se quer convida, a cubrir lagoas, a reformular conclusións, a ser parte activa, en definitiva, do que se narra.

         Se todo isto fose pouco, Monteagudo regala nesta novela un ritmo narrativo que, dosificando unha intriga que aborda os grandes temas da condición humana –o poder, a memoria, a rebeldía ou o amor como elementos clave-, mantén acesa a atención para chegarmos a unha resolución enxeñosa e nada previsible. Todo canto fomos reexplícanos, dalgún xeito, o que hoxe somos. Parabéns por idealo e contalo con acerto.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de novembro de 2016, baixo o título de “Un quebracabezas literario”.