O cuarto das abellas, de Antía Otero

Antía Otero

O cuarto das abellas

Xerais, Vigo, 2016, 80 páxinas, 12,50 €

 

O día / que a raíña morreu / xuntáronse os abázcaros / para repartir versos” escribe nun poema deste libro Antía Otero. Por veces algúns versos salvan un libro, e estes poderían facelo, pero moi ao contrario n´O cuarto das abellas todo é esencial: cada palabra, cada silencio, cada aceno están situados no lugar acaído. Nel alenta máis dunha voz que atesoura unha dupla capacidade: suxerir, por unha parte, a visualización continua de imaxes que se superpoñen a xeito de estratos e convidar, por outra banda, como  consecuencia natural da súa estrutura e fasquía, á dramatización de moitos poemas pois aos poucos un decátase que esta é poesía non só para ler senón, case diría que sobre todo, para oír.

            Recorre á autora a unha feliz metáfora –feliz por acertada- que é a do mundo das abellas. Universo fecundo literaria, etnográfica, antropolóxica e mesmo lingüisticamente como demostran tanto os glosarios dos padres Sarmiento e Sobreira como, vindo máis acó no tempo, as reflexións de Eladio Rodríguez que, no seu célebre dicionario, subliñaba que a abella viña a simbolizar a actividade e o traballo. Faltaba, talvez, un libro de poemas que actualizase este motivo, que o filtrase e peneirase cunha visión persoal: velaquí  o está partindo dunha visión aérea do espazo das colmeas –a abellariza- que nos conduce á visión doméstica, da experiencia encarnada no ámbito íntimo onde atopamos, por veces, o extraordinario no ordinario. Na dicotomía desa tensión que nace entre o mel doce e o aguillón que a defende a autora recorre á herba medicinal con efectos sedantes, non sei se terapéuticos, para rescatar vivencias e compartilas na sección “melisa”. O xogo imaxinístico, que xa vai máis alá da epiderme, acentúa esa orientación nos versos que se dispoñen baixo o epígrafe da “formalina”: antiséptico, volátil  e desinfectante, tamén conservante para que o recreado coa palabra permaneza.

            Péchase o libro con poemas dispostos baixo o título de “Obreiras” onde salienta a voz colectiva, inspirada no traballo e no motivo da irmandade de xénero, que reivindica un espazo propio para concluír co longo e espléndido poema “A esmelga”, onde mestura o espírito da extracción de parte do mel para que o enxame siga alimentándose coa ladaíña simbólica do “Non quixera morrer”, de Boris Vian, mercé á que articula un diálogo entre o desexo e a posibilidade de trascender dunha maneira concreta.  Un gran libro este de Antía Otero, non teño dúbida.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 2 de decembro de 2016.