María Victoria Moreno, por Eli Ríos e Rosalía de Castro por María Lado (ilustracións de Eva Agra)

 

Un aplauso, longo e sonoro, merece esta iniciativa, financiada cunha campaña de crowdfunding e editada por Urco editora en colaboración coas librarías Lila de Lilith e mais Suévia, que comezou a distribuírse baixo o epígrafe de “Mulleres bravas da nosa historia”. Un aplauso porque é moi importante, ao meu ver, a popularización -sexa esta da maneira que for- de diversas autoras entre as persoas máis novas presentando un discurso adaptado a esas franxas de idade  baixo  un tratamento esteticamente atractivo, asumindo o libro como proposta de lectura pero non só, ao incluír na súa finalización tanto útiles cronoloxías como actividades lúdicas orientadas á fixación de diversos contidos así o confirman.

     Eli Ríos responsabilízase da entrega dedicada a María Victoria Moreno no que acompañamos a súa biografía a través dunha personaxe de ficción chamada Navia, que nos guía por unha viaxe completa, documentada e rigorosa pola biografía da escritora salientando a relevancia que a súa vida tivo a súa orixe, a súa formación, a práctica da docencia e, loxicamente, a súa obra literaria. Pola súa parte, María Lado, achégase a Rosalía de Castro mercé un vagalume que acompaña á autora desde o seu nacemento ata a súa morte reparando no entorno familiar, a súa preparación académica ou as vicisitudes da súa vida, alén dun suxestivo achegamento á súa obra literaria acompañando extractos da mesma.

    Ambos os dous títulos, ilustrados por Eva Agra, supoñen a estrea dunha iniciativa moi coidada -conta coa coordinación de Andrea Jamardo Seijo e cun comité de asesoras formado por Patricia Porto Paderne (educadora social e libreira experta en xénero) e Mariám Mariño (Técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega)- que agardo teña unha excelente aceptación para romper moitos lugares comúns e, abofé, que vaia ampliándose co paso do tempo.