Corredora, de María Reimóndez

María Reimóndez

Corredora

Xerais, Vigo, 104 páxinas, 12,15 €, 2017

 

Non é de estrañar, ao meu xuízo, que este novo libro de María Reimóndez vaia gañando con ímpeto, e día a día, un espazo propio entre as novidades narrativas máis suxestivas. Afeitos como estamos os seguidores da súa obra a percorrer espazos e territorios diversos, nesta ocasión a autora idea, en Corredora, un universo protagonizado por unha nena etíope á que a práctica do atletismo posibilitará o feito de acadar novos retos, entre os que se conta ese fundamental que é o de vivir con dignidade. Non hai neste libro, acaído para un público xuvenil e, ao tempo, para o adulto, unha visión meliflua ou exótica dunha sociedade en aparencia distante. Antes ben, Reimóndez actúa cun escalpelo nesa realidade dura, case eternamente dura, que é o sufrimento das mulleres en Etiopía e fica clara nesta proposta desde as súas páxinas iniciais a condena e estigmatización á que son sometidas nunha sociedade como a etíope e, particularmente, nunha cidade perigosa como é Addis Abeba. E será o deporte, concretamente esa dinámica de superación persoal e colectiva que implica o esforzo e  o adestramento continuo, o que se convirta nun irrebatible foco de interese que ofrecerá, co paso do tempo e cunha meditada dosificación narrativa, os seus froitos.

Reimóndez sitúanos cun prosa directa, case diría que marcada polo esencialismo e sen requilorios de ningún tipo, alí onde as condicións de vida resultan realmente extremas mais onde tamén hai un lugar onde escintila unha luz que, talvez, axude a modificar o estado das cousas. Imposible, por certo, non querer tanto a Genet Mullugueta, a afouta protagonista deste libro.