Na presentación de Galicia en bus, de María Reimóndez

Foto cortesía de Manuel Bragado

 

Participei na Libraría Andel de Vigo, xunto con Fran Alonso e Susana Sánchez Aríns, na presentación do libro Galicia en bus, de María Reimóndez, premio Johán Carballeira de poesía 2017 que organiza anualmente o Concello de Bueu. No acto, equilibrado nos seus tempos e moi participativo, lin un pequeno texto que deixo aquí.

Dicía Cirlot que a viaxe, porque Galicia en bus é unha viaxe, non consiste, simplemente, en trasladarse no espazo. A viaxe é a tensión da procura e o cambio que determina o movemento e esa mesma experiencia que se deriva da propia viaxe. Viaxar non sería, así pois, nin fuxida nin sometemento: é evolución. Aínda eu engadiría que talvez non só evolución pois tamén é aprendizaxe porque neste libro de María Reimóndez hai procura, hai reflexión, hai tamén ironía, hai interacción e pro-actividade. Non vexo unha viaxe aos infernos, nin ao interior da terra, nin tampouco unha viaxe da alma, se cadra nin falta que fai. María Reimóndez é unha escritora do século XXI, consciente dos valores –véxase A alternativa está aquí– que trae canda si o uso do transporte público e ofrécenos unha viaxe en bus e unha viaxe por Galicia, malia que ben podería trazar, con tino e orixinalidade, outros moitos percorridos polos territorios de Támil Nadu, de Alemaña, Haití ou Etiopía. Deixo aí a idea.

Reimóndez talvez non sexa consciente pero con este libro insírese nunha tradición que quero ver nacer en Exeria e na súa crónica viaxeira, no seu Itinerarium Egeriae que vai desde nós ata fóra de nós e que se alonga ata hoxe nesas mulleres escritores que, sexa no xénero que for, mesmo sexa na disciplina artística que for, cruzaron e cruzan o noso país de norte a sur e de leste a oeste, a cabalo, en coche, andando, en tren –difícil sería mesmo hoxe- ou en bus, que tampouco xa é doado. Mulleres escritoras, galegas ou non, que nun momento concreto precisan dar conta de todo aquilo que ven, tamén do que se senten para deixar un testemuño valiosísimo en forma de poemas, prosas ou de crónicas do que foi esa experiencia.

Falaba de Exeria, si, e María Reimóndez reescribe un particular Códice calixtino de arestora, operativo para nos coñecer mellor porque a particularidade deste libro é a de ofrecer unha visión singular, e orixinal, do país que se ve desde o asento dun autobús, mais que tamén se anda e se sente. Se Otero “peleriñou” con Risco e outras persoas, desde Ourense a Santo Andrés de Teixido e deixou mostra de viaxe nun libro publicado en 1929 titulado Pelerinaxes I, Reimóndez sitúase nesa tradición que une o seu traballo con voces como as da británica Annette M. B. Meakin que escribiu sobre nós en Galicia: the Switzerland of Spain  (Londes, 1909), onde deixa un capítulo íntegro dedicado a Rosalía, ou nese fío que a une á tamén británica Catherine Gasquoine Hartle, que en Spain revisited: A summer holiday in Galicia (Nova York, 1911) escribiu un capítulo extraordinario titulado ‘Las gallegas: the women of Galicia’, onde se achega a Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e a propia Rosalía. E nesa tradición non esquezo, noutra disciplina artística, a Ruth Mathilda Anderson na viaxe que realizou por Galicia por volta dos anos vinte do século pasado ou percorrido que Nina Epton que deixou en Uvas e granito, traducido ao galego por Fernández del Riego: unha visión singular dun país e das súas xentes nos anos cincuenta do século pasado.

Co que si non dei foi unha visión do noso país, coa perspectiva que emprega María Reimóndez, e que ademais se acaroe ao xénero da poesía. Os Cantares rosalianos son, nalgunha medida, unha viaxe por Galicia, e Reimóndez herda e abraza a tradición reivindicativa rosaliana e sitúaa no século XXI. Non é escaso o traballo que se impuxo a autora. Se Cantares é un libro político este tamén o é, se é un libro de memoria e experiencia, cruzado pola ironía, moitas veces a carraxe e, tamén, os afectos.

Reimóndez abraza, non dubido que con convicción, o que repousa embaixo do célebre “Daquelas que cantan as pombas i as frores” e tamén, se cadra, co que autora afirma en La Flor : «sola era yo con mi dolor profundo / en el abismo de un imbécil mundo”, pois neste libro hai dor, moita dor nas evocacións dun pasado experimentado e, con todo isto, deséñase un percorrido que abrangue o eido do privado e persoal que se proxecta nun nós colectivo. E se o contrapunto inspirador de Cantares repousaba nas glosas populares, en Galicia en bus o contrapunto aparece nas citas técnicas dese libro asinado por M. Roda e titulado O transporte público rodoviario na Galiza.

Galicia en bus traza unha liña continua coa súa obra anterior: reparade que toda a súa obra en prosa está marcada pola idea do movemento, da mobilidade, da viaxe continua: desde O Caderno de Bitácora ata A música dos seres vivos planea esta intención. Moda galega ou Moda galega redoaled é tamén unha viaxe, mesmo o Presente continuo que non hai moito presentara nesta mesma casa tamén o é. Galicia en bus súmase, felizmente, a unha traxectoria literaria brillante e senlleira.

Tiven a sorte de formar parte do xurado do vixésima edición do Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu, xunto con Antía Otero e Pura Tejelo hai por volta dun ano. Para min ver o libro que concitou o noso interese hoxe publicado é unha verdadeira alegría. Tamén que as afirmacións que no xurado apuntamos sobre que este era un libro que falaba sobre memoria, identidade persoal e colectiva, territorio e ecoloxía” cadrasen coa intención inicial da autora na súa composición e nos ecos de recepción que o libro vai suscitando. Particulamente, creo que Galicia en bus confirma tanto a excelente saúde dun dos premios poéticos máis sólidos do noso tempo como o work in progress dunha das voces máis necesarias dos nosos tempos. Que ese traballo siga así de brillante por moitos anos.