A balada dos unicornios, de Ledicia Costas

Ledicia Costas

A balada dos unicornios

Xerais, Vigo, 192 páxinas, 12,50 €, 2018

 

Non é este o espazo acaído para poñer ao día todo aquilo que unha autora como Ledicia Costas (Vigo, 1979) foi conseguindo nos últimos anos a través do cultivo da creación literaria. Mais, entre todo o posible -unha traxectoria asentada, numerosos galardóns ou o recoñecemento da crítica- quero salientar aquí o que a súa presenza significa como enganche á literatura galega de milleiros de persoas con obras de inequívoca e contrastada calidade.

Neste ronsel cómpre situar A balada dos unicornios co que consegue, por segunda vez, un prestixioso galardón da literatura infantil e xuvenil como é o premio Lazarillo. Costas ofrece unha novela que consegue gañar a necesaria complicidade desde as primeiras páxinas e tal é así que, sospeito, ha ser este un deses textos destinados a perdurar. Instalado nun territorio susceptible dun amplo espectro de lecturas, dono dun estilo propio, dotado dunha envexable axilidade narrativa e con pasaxes descritivas verdadeiramente memorables, en esencia volve tripar eses camiños temáticos das grandes historias que enfrontan as forzas do ben e do mal. Para este obxectivo sitúanos nun contexto que bebe da época vitoriana, onde debulla licenzas fantásticas nacidas dese mundo máxico cheo de engrenaxes ou rodas dentadas, ateigado de inventos extraordinarios ou de ollos e corazóns mecánicos…, iso que se dá en chamar estética steampunk e que resulta un territorio idóneo para fundir ciencia e fantasía. Aí agroma a capacidade fabuladora da autora pois poucas voces son quen de construír universos literarios tan ricos e vizosos, e tan fortemente emocionais ao mesmo tempo, pois a cada golpe imaxinativo vai sucederlle outro aínda máis sorprendente.

Non hai nada ao chou neste libro; nada que non sexa xustamente deseñado para ofrecer unha lectura onde non falta  a dinámica dunha novela de aventuras nin a presenza do amor, por veces tinguido de certa melancolía; nin sequera a morte, sempre ao axexo e da man, nin máis nin menos, que do propio Jack o Destripador. Nin tampouco, claro é, a consciente elección de protagonistas femininas, sexan estas heroínas ou non.

Sabedor, quen subscribe estas liñas, dos grandes poderes que atesouran os unicornios porque Hildegarda von Bingen os viu e estudou, tamén se aprende aquí que os unicornios poden cantar e axudar a cambiar a mundo e iso sempre axuda a que non vexamos a vida como un “enorme cristal roto”.

 

Esta recensión publicouse no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de outubro de 2018.