Infamia, de Ledicia Costas

InfamiaLedicia Costas

Infamia

Xerais, Vigo, 272 páxinas, 18,30 €, 2019

 

Ao percorrido  creativo de Ledicia Costas (Vigo, 1979) súmase agora unha novela fascinante como é Infamia, presentada coma unha novela de suspense psicolóxico. Sen dúbida os aspectos que rodean as reaccións dun conxunto de personaxes perfilados con solidez son os que sosteñen unha trama construída con indubidable habilidade e brillantez. A articulación da intriga e a arquitectura da historia resultan escrupulosas no seu deseño e efectividade, de maneira que posibilitan manternos sempre á expectativa nese nobelo que parte dunha traxedia protagonizada polas irmás Giraud que, tras vinte e cinco anos, se converteu nun caso en aparencia irresoluble. Este feito constitúe unha verdadeira espada de Damocles que pende e se estende  á totalidade dos habitantes de Merlo a xeito de néboa pertinaz, creando un espazo de perfís desdebuxados e misteriosos que se transparenta en silencios e medias verdades. Velaí o lugar ao que, dun xeito fortuíto, se ve abocada unha profesora de Dereito Penal chamada Emma Cruz, que carrexa tamén os seus propios traumas e contradicións persoais.

Resulta innegable que Infamia vai máis alá das convencións de xénero pois abraza asuntos tan substantivos como os que apuntan á condición humana e aos seus abismos máis insondables, que tantas veces se irmandan coa violencia, a dor e a morte; aínda que escintile ao fondo unha luz de esperanza. Unha novela que tamén pon enriba da mesa os esteos podrecidos sobre os que se asenta unha sociedade machista; terma da música, do cine e da  poesía -neste caso do autor canario Félix Francisco Casanova– como fíos que, ás veces en inmanencia, alimentan parte da intriga e volve a ollada ao territorio da infancia como ese instante da vida que marca o futuro. Infamia, en fin, reflíctese nesa metáfora da cuberta: grous e grúas de origami que representan a batalla desigual de Emma Cruz contra todo, por veces contra ela mesma.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas (La Voz de Galicia), o 24 de maio de 2019.