Actrices secundarias, de Clara do Roxo

617c8b44f19c662f27a934fa1f19675f_XLClara do Roxo

Actrices secundarias

Elvira, Vigo, 144 páxinas, 17 €, 2019

 

Non puidera acceder, ata o de agora, a ningunha peza creativa de Clara do Roxo, de quen si coñecía o seu labor como alma máter de moitos obradoiros literarios e mais a publicación dunha produción narrativa orientada á literatura infantil e xuvenil, mais o certo é que Actrices secundarias, finalista no premio Torrente Ballester na convocatoria do ano pasado, alén do relato longo Sombras no Ensanche (2016), revela unha voz que, a meu entender, cómpre non desatender.

Inserida nesa tendencia híbrida denominada “novela testemuño” que encerra, sen dúbida, moita recreación literaria, a autora intérnase con solvencia, para reconstruír unha historia familiar singular marcada polos silencios,  en dous eixos fundamentais como son, por unha banda, o rol da muller, ou das mulleres, nun contexto moi concreto pero extrapolable a outras situacións e experiencias e, por outro lado, o mundo da emigración galega, neste caso a Salvador de Baía, reflectido con precisión e transparencia.

No fondo, esta é unha historia posible das moitas, e semellantes, que se poden formular a partir da decisión adoptada de emigrar a América para labrar un futuro en tempos escuros e marcados pola miseria. Velaí o  deseño, así pois, da vida dunha parella en Salvador de Baía, dos seus negocios e das súas dúas fillas, da figura enigmática e misteriosa da baiana Celeste e dunha eterna viaxe de ida e volta de Galicia a Brasil, marcada por conflitos éticos e morais que afrontar e tamén por relacións amorosas tóxicas que, con todo, perduran no tempo. Todo deseñado mercé unha arquitectura moi acaída que se inspira na reconstrución da memoria a través das cintas de super-8 e de moitas fotografías operativas para bosquexar un mundo de contrastes, revelado coma se coma se se tratase dunha película, onde as mulleres cumpren sempre un papel secundario: actrices sen texto arrombadas ao silencio, á submisión e á obediencia.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 13 de setembro de 2019.