Cuestionario Proust: Xosé A. Neira Cruz

DSC_1945

Xosé A. Neira Cruz

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

-A constancia, coido. Son teimudo ata para o que non me convén.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-A bondade, a honestidade, a honorabilidade, calidades todas elas bastante pasadas de moda, por desgraza.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Seguramente a enumeración anterior, pero en especial, a sinceridade e a lealdade.

4.– A súa principal eiva?

-Teño tantas…! Supoño que unha delas é a de confiar na xente que me vai acabar traizoando. É unha constante na miña vida. Teño unha cegueira innata para iso. E como reacción desenvolvín outra eiva igualmente daniña: a de desconfiar en exceso cando non corresponde.

5.–  A súa ocupación favorita?

-Ler, debuxar, xogar ao xadrez e fedellar en arquivos e documentos antigos.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-Por suposto, a saúde e o ben da xente que quero. A nivel máis persoal, chegar a ser tratado cunha miga de xustiza e imparcialidade.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Ver sufrir as persoas que quero, non poder valerme e dar traballo e molestias a outros por ese motivo.

8.– Que lle gustaría ser?

-Podería citar varias ocupacións que me interesarían (por exemplo, cantante de ópera) pero, no fondo, o que realmente me gustaría sería ser escritor. É dicir: poder vivir de escribir sen ter que me preocupar por nada máis ca escribir cada vez mellores historias, algo que probablemente nunca acadarei.

9.– En que país desexaría vivir?

-Manteño desde a miña adolescencia unha tensa relación cun país ao que amo e odio a partes iguais: Italia. Encántame a súa historia, a súa arte, as súas paisaxes, a súa gastronomía, a súa creatividade e creo que o coñezo moi ben. De feito, con moita diferenza, é o país que máis levo visitado, vivín nel temporadas longas, falo a súa lingua… pero, en xeral, soporto moi dificilmente os seus habitantes, obviamente con marabillosas excepcións. Ás veces arrepentinme de non lle ter dedicado o mesmo tempo e afán a algún outro país ou cultura, por exemplo, Xapón. Tamén me atraen moito as culturas nórdicas. Coido que a miña forma de ser se adaptaría moi ben a un contexto escandinavo.

10.– A súa cor favorita?

-Dúas bastante contrapostas na paleta cromática: o azul e o laranxa. Unha cor fría e unha cálida.

11.– A flor que máis lle gusta?

-A camelia.

12.– O paxaro que prefire?

-A rula.

13.– A súa devoción na prosa?

-Moitas: Álvaro Cunqueiro, García Márquez, Italo Calvino, Elsa Morante, Dino Buzzati, Gesualdo Bufalino, Amelie Nothomb, Daniel Defoe, Dostoievski, Henry James, Maria Gripe, Jules Verne, Flaubert, Pamuk, Kazantzakis, Chesterton, Borges, Coetzee, Cervantes…

14.– E na poesía?

-Outras tantas, polo menos: Dante Alighieri, Shakespeare, Alda Merini, San Juan de la Cruz, Rosalía de Castro, Quevedo, Blas de Otero, García Lorca, Darío Xohán Cabana, Gil de Biedma, Sylvia Plath, Kavafis…

15.- Un libro?

-Moi difícil responder esta. Por dicir un (pero poderían estar moitos outros), Se una notte d’inverno un viaggiatore, de Italo Calvino.

16.– Un heroe de ficción?

-Robinson Crusoe, Miguel Strogoff, John Silver “O Longo”… Marcaron a miña infancia.

17.– Unha heroína?

-Sherezade ou Jo March, máis que nada porque na miña infancia foron referentes da paixón por contar historias, que era o que eu xa entón quería facer.

18.– A súa música favorita?

-A clásica, preferentemente a renacentista e a barroca. Algunha obra de Händel ou Monteverdi, seguramente. Son moi “antigo” en gustos musicais.

19.– Na pintura?

-Moitos italianos: Antonello da Messina, Caravaggio, Leonardo da Vinci , Vittore Carpaccio, Luca Signorelli, Paolo Uccello, Piero della Francesca… E tamén os flamengos: Pieter Brueghel, Vermeer, O Bosco, Patinir… Sempre quixen vivir nalgunha paisaxe destes últimos, incluído O Bosco, por terrible que poida parecer. De feito, levo décadas durmindo cunha gran reprodución do Xardín das delicias na cabeceira da miña cama. E espero que non sexa algo polo que me teña que preocupar… Como retratista impresióname Velázquez.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

-Moita xente anónima que se deixa a pel por un ideal, por un ser querido, por unha causa… Non son nada mitómano, pero impresiónanme esas historias humanas reais que un atopa a carón da casa ou na mesma familia.

21.– O seu nome favorito?

-Elvira. Era o nome da miña avoa materna e é o da miña filla, dúas persoas absolutamente importantes para min.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-A envexa, o cainismo, o arribismo e as súas derivacións.

23.– O que máis odia?

-A maldade, a mesquindade, a arrogancia, a inxustiza, o nepotismo.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Os tiranos.

25.– Un feito militar que admire?

-Só os que puideron servir para restablecer a liberdade oprimida.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Saber cantar, pintar ou tocar ben un instrumento.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

-En paz comigo mesmo.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-A introversión.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Os que teñen que ver coas paixóns ou debilidades humanas, sen mediar a maldade ou a mesquindade.

30.– Un lema na súa vida?

– “Vive e deixa vivir”.