Cuestionario Proust: Elba Pedrosa

IMG_1300

Elba Pedrosa (foto @socramphotophobia)

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

-Son persoa sociábel, as máis das veces alegre. Sempre lembro cando me dixeron que tamén un chisco tola. Gustoume moito.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-A xenerosidade, que vén sendo ausencia de egoísmo. Tamén a sinceridade e o respecto.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Amor, que abrangue moitas cousas.

4.– A súa principal eiva?

-A impaciencia, entre outras. E neste oficio, pouco se fai sen paciencia.

5.–  A súa ocupación favorita?

-Vou dicir varias, son un pouco fuxefuxe tamén… Ler ao carón da cheminea, pasear pola praia, cociñar lambetadas. E escribir.

6.–  O seu ideal de felicidade?

-Perderme soa nunha cidade descoñecida e fisgar todo o que me dea tempo.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Prefiro non amentala, non vaia ser o demo…

8.– Que lle gustaría ser?

-De maior? Escritora e actriz.

9.– En que país desexaría vivir?

-Gústame este para quedar. E poder liscar cando me pete mesmo a Portugal. Pero liscar de cando en vez.

10.– A súa cor favorita?

-A negra. Cada día máis a cor negra.

11.– A flor que máis lle gusta?

-Tiña máis dúbidas coa cor… Eu sonche moito de mimosas de campo, fanme lembrar de cousas fermosas.

12.– O paxaro que prefire?

-Os de ferro son dos que máis gosto. Dos outros, as garzas de pés amarelos que vexo na Foz do Miñor.

13.– A súa devoción na prosa?

-Adoro a Zweig. Tamén Kundera, Almudena Grandes, Rosa Montero. E moitos autores galegos contemporáneos: Inma López Silva, Antón Riveiro, Suso de Toro…

14.– E na poesía?

-Whitman, Pessoa. A que leo de Ismael Ramos, Claudia Castro. E moita que me queda por ler…

15.- Un libro?

-Sempre anda aí a voltas… Una música constante, de Seth.

16.– Un heroe de ficción?

-Eu marcharía con Supermán. Penso que é dos voan máis lonxe, non si?

17.– Unha heroína?

-Marie Curie, entre moitísimas. Engaioloume a orixinal achega que fai dela Rosa Montero, no seu  A ridícula idea de non volver verte.

18.– A súa música favorita?

-A que me pon a pel de galiña, que é case que toda. Dende Bach e Schubert ata, por exemplo, Sting, Amy Whitehouse ou Carlos Núñez, Guadi Galego coas súas “Matriarcas”.

19.– Na pintura?

-Fago escolma de cousas ben afastadas: esas inquedanzas que provoca Hopper, as bailarinas sen alma de Degas, as olladas curiosas das mulleres de Vermeer, ou a retranca (neoiorquina) de Rockwell. Tamén o pintor vigués da capa da miña novela en galego, Jorge Alonso!

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

-A muller que loita cada día por acadar a súa esencia e, ao tempo, leva silandeira unha chea de cargas no lombo.

21.– O seu nome favorito?

-Os das persoas que quero.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-Para algúns iso da envexa é máis ca un hábito. Non o aturo. Penso que se estamos aquí, será para facer algo positivo entre todas as persoas, mais seica ando errada.

23.– O que máis odia?

-Ademais da envexa, e da falta de profesionalidade, tamén lle teño un pouco xenreira ao médico que non me deixa tomar lambetadas. Ata o punto de odiar, tampouco.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Isto para min é coma as posíbeis desgrazas, perfiro nin amentalas. Aprecio ningún para os que sementan o odio.

25.– Un feito militar que admire?

-Encantaríame que non fosen necesarios nin os militares nin os seus feitos. Creo nas verbas, na conciliación sen o emprego da forza.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Moitas veces penso que a insensibilidade, por iso de non padecer tanto.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

-Desta non mirei as respostas dos compañeiros, ha ha! Teño moi claro que quero morrer sen darme de conta. Zas!

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-O optimismo, a alegría, aínda que non estea nada doada a cousa, e o da falla de liberdade desta situación de confinamento lévoa moi mal.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Sempre que hai un arrepentimento verdadeiro, para min hai sempre perdón.

30.– Un lema na súa vida?

-Tempo é cambio.

1 Comments

Os comentarios están pechados.