Xela Arias: espiral continua de nós

Chegáronme hoxe algúns exemplares do número 20 dos Cadernos de Estudos Xerais que edita a Asociación Cultural Irmáns Súarez Picallo coa colaboración do Concello de Sada. Nesta ocasión a edición do volume, disposto baixo o título de Xela Arias: Liberdade, subversión, innovación, quedou a cargo do profesor e amigo Henrique Rabuñal que articulou un lugar de encontro -ao meu xuízo suxestivo, plural e moi completo- para agrupar un monllo de textos, procedentes de diversas voces e xeracións e inspirados en diversos aspectos que suscitou a obra literaria e a memoria persoal de Xela Arias, integrados nun corpus selecto de fotografías, cubertas de libros e diversos documentos.

O coordinador da publicación solicitoume un texto que funcionase como pórtico desta publicación no que fixen unha reflexión particular sobre a decisión da RAG, alén de estender o meu desexo que a celebración se estenda máis alá do 17 de maio e de sintetizar as claves das dimensións literarias e profesionais máis destacadas de Xela Arias.

Grazas pola invitación e foi un pracer formar parte desta coidada monografía colectiva onde, ademais do texto de presentación e doutra colaboración sobre Darío a diario do propio Henrique Rabuñal, inclúe tamén propostas de Carmen Blanco, Manuel Bragado, Ana Romaní, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Marilar Aleixandre, un artigo colectivo de Alberto Álvarez Lugrís, Ana Luna e María Reimóndez, alén dunha colaboración conclusiva de Antía Otero: páxinas todas estas que engrandecen, un pouco máis, a celebración do presente Día das Letras.