A nena lectora, de Manuel Rivas

Manuel Rivas

A nena lectora (ilustracións de Susana Suniaga)

Xerais, Vigo, 40 páxinas, 17,75 €, 2021

De fascinante, e non sei se quedo curto, cualificaría a miña lectura deste novo título da colección “Pequena Memoria” na que se persegue a recuperación das voces silenciadas da nosa historia.

Tras a primeira entrega da serie –A lavandeira de San Simón, a cargo de Eva Mejuto, directora desta colección-, nesta ocasión A nena lectora aborda -desde as instancias dunha ficción que dialoga incesantemente co noso pasado- os ecos dun tempo como é o dos comezos do século XX a través dun deses personaxes que pertencen desde agora ao noso imaxinario literario colectivo como é Nonó: a nena lectora. E será así polo que representa por si mesma e porque simboliza un permanente “dereito a soñar” ao que nunca, ninguén, debe renunciar. Porque pertence a ese limbo, como o seu autor sinala, situado “aínda na outra beira da historia”…, mais libros coma este fan que se rescate, que adquira corporeidade, que nos fale ao oído, que adopte a forma marabillosa dun ser case tanxible.

Con trazo rápido, cheo de forza e intensidade, Rivas constrúe un texto redondo no que a voz de Nonó nos conduce polo significado oculto que teñen os acenos, as cousas e os detalles -como ben se espella no traballo magnífico da ilustradora Susana Suniaga- que rodean as vidas que poboan unha casa pobre, pero rica en amor, no arrabalde da Gaiteira. Nonó, filla dun trapeiro e dunha misteira, relátanos sucedidos e experiencias situadas nese horizonte devecido das clases populares por ser máis libres a través da formación e da cultura. Cada historia, enguedellada unha coa outra como cereixas que tiramos dun queipo de palabras, supón un relampo que se asenta na memoria e que permanece. Quedo, especialmente, coas páxinas que reparan neses momentos en que se suspende o tempo, isto é, cando se le en voz alta: desde as que fai o irmán de Nonó, con palabras que brincan “contentas na súa boca”, ata o proceso de aprendizaxe na escola do Librepensamento coruñés chamada A Antorcha Galaica.

As levas pola guerra contra Marrocos, a plasmación dos efectos dunha sociedade patriarcal, a bondade dun médico dos pobres ou a Fábrica de Tabacos da Coruña onde Nonó terá a opción de desenvolver un oficio marabilloso son algunhas das historias que constrúen esta alfaia: desde agora unha das miñas propostas predilectas entre as que este ano viron a luz entre nós.