Saínza, a punkiereteira, de Cristian F. Caruncho e María Canosa

Cristian F. Caruncho e María Canosa

Saínza a punkiereiteira

A Costureira, A Coruña, 60 páxinas, 16,90 €, 2022

Só podo saudar con satisfacción este novo álbum ilustrado de María Canosa, acompañado de suxestivas ilustracións, eu diría que brillantes e maxistralmente atentas aos pequenos detalles, a cargo de Cristian Caruncho e que trouxen canda min tras o último Culturgal.

Baixo o título de Saínza a punkiereteira, publicado con mimo por A Costureira Edicións, María Canosa constrúe un relato sinxelo e cheo de axilidade, protagonizado por Saínza, unha nena moi enraizada en nós que, nun momento clave da súa vida, isto é, nese tránsito dunha escola a outro centro de ensino, diante de situacións inesperadas mais que ocorren moi a miúdo fai unha férrea defensa das súas conviccións máis persoais.

Allea a convencionalismos, instalada nunha fermosa relación coa súa avoa e apaixonada pola pandeireta é quen de arrostrar con valentía situacións de acoso que atopa no seu novo centro onde atopa un grupo de rapazas con iniciativas, activas e activistas, coas que consegue formar un grupo musical reivindicativo e tan brutal que case sentimos o bater imparable das ferreñas.

Parabéns por esta iniciativa que, ao pouco de que goce de certa sorte na recepción, ben merecería ter continuidade.