Vémonos mañá, de Xosé Monteagudo

Xosé Monteagudo

Vémonos mañá

Xerais, Vigo, 296 páxinas, 18,95 €, Vigo, 2023

Afirma Xosé Monteagudo, autor de Vémonos mañá, que estas páxinas se derivan dun motivo de inspiración que bebe da realidade, isto é, daqueles acontecementos singulares que rodearon as vidas converxentes e, nalgunha medida tamén diverxentes, de Bibiano Fernández Osorio-Tafall e de Josefina Urruti, malia que algunhas das pasaxes da novela sexan, como é lícito e natural, ficticias e atopen un desenvolvemento literario “conforme á interpretación libre que o autor fixo das informacións recibidas”.

Ler esta proposta literaria -que a meu entender é moi suxestiva pola temática e porque Monteagudo constrúe unha prosa cunha vontade de estilo que a singulariza e lle outorga un dos seus inequívocos valores- coma se se tratase dun texto biográfico ou histórico non estaba, sen dúbida, na perspectiva do autor aínda que será inevitable que talvez así poida ser entendida. Mais, dun ou doutro xeito, que recrea Vémonos mañá? En esencia como as circunstancias da guerra civil afastan as vidas dun pai, por un lado, e dunha nai e os seus tres fillos por outro, pero que, con todo, nunca abdicarán dos seus ideais.

A Bibiano F. Osorio-Tafall, que foi presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e alcalde da cidade durante la II República,  sorprendeuno en Madrid o golpe de estado cando participaba na entrega ás Cortes dos resultados do plebiscito de Autonomía. Desde aquela, o devalar do período bélico ditou que desempeñase cargos de responsabilidade na República, tamén en Francia  e, posteriormente, desde o exilio mexicano, ocupou igualmente outras funcións en diversas institucións internacionais como diplomático. En paralelo foi, sobre todo, a partir dun traballo fundamental de Montse Fajardo cando comezou a divulgarse a biografía de Josefina Arruti, que sufriu en Pontevedra a represión franquista, inicialmente ingresada no cárcere e máis tarde penalizada a sufrir arresto domiciliario: unha muller que exerceu aínda, nunhas circunstancias extremas, a solidariedade e que foi un modelo de dignidade, como ben se evidencia nestas páxinas de longo alento malia situarse a acción en apenas vinte e catro horas que terman con acerto dúas liñas argumentais moi ben definidas e aquilatadas. En definitiva, unha gran novela.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 24 de marzo de 2023.