RÚA DA CANCELA, DE ELI RÍOS / EDUARDO ESTÉVEZ

rúa da cancela

Eli Ríos / Eduardo Estévez

Caldeirón, Malpica, 2010, 64 páxinas

Galardoado no IV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado polo Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón, chega este rúa da cancela que ve a luz no selo malpicán Caldeirón, editora que xa conta no seu catálogo con diversas achegas poéticas que viñeron das mans, polo de agora, de Paco de Tano, Paco Souto, Antonio García Teijeiro, Alberte Momán, Lino Braxe ou Emma Pedreira.

Eli Ríos

 Nesta ocasión é María do Cebreiro quen xerce de prologuista e, coa lucidez que a caracteriza, afirma que os autores deste poemario, Eli Ríos -a quen xa coñeciamos por ter acadado o XII Premio de Poesía Concello de Carral co libro Nós escoitando o badalo en Marienplatz- Eduardo Estévez -autor de traxectoria ben recoñecida-  constrúen unha poesía sabedores de que “non todo pasa polo verso”.

Gusto de traer este volumeo a esta bitácora porque valoro tanto a traxectoria dos responsables desta proposta como o resultado final deste proxecto común. Os dous conflúen aquí para incorporar, se se pode dicir orixinalmente, discursos procedentes de diversas fontes que afondan na temática amorosa, ancorándose nos mares dun erotismo acubillado nunha expresión directa e sen ambaxes, para construír un diálogo do coñecemento vital e carnal de dous personaxes masculinos, a través do encontro, do desexo e da procura.

Eduardo Estévez

Un diálogo poético sobre o sentimento amoroso, así pois, no que unha voz en primeira persoa e outra en terceira van intercalando as súas visións adoptando, ao tempo, a forma poética e narrativa e abeirándose a espazos maioritariamente urbanos e contemporáneos. Unha proposta, en definitiva, a ter en conta no ámbito da poesía galega de arestora.

2 Comments

  1. moitas grazas pola inclusión dos nosos libros no teu blog.
    Agardo que gostárades do animal.
    Apertas

Os comentarios están pechados.